Deputación de Lugo

Vinte e seis paneis informarán ó visitante sobre a flora leñosa da Ruta Botánica do Campus de Lugo

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo; e a Vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva, e o director da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, Javier Bueno, presentaron a sinalización dunha senda de dous quilómetros que percorre o patrimonio vexetal do campus

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e a Vicerreitora da Universidade de Santiago de Compostela, Benita Silva, e o director da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, Javier Bueno, presentaron nun acto celebrado este xoves na Escola Politécnica do Campus de Lugo, de vinte e seis paneis informativos que achegan ó visitante, dun xeito sinxelo, ampla información sobre as distintas especies de flora leñosa incluídas na Ruta Botánica do Campus de Lugo. Este proxecto contou coa financiación da Deputación de Lugo.

O acto tamén contou coa presenza do catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC e coordinador do estudo e guía botánica do campus de Lugo promovido pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade a través da Oficina de Desenvolvemento Sostible, Antonio Rigueiro, e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, María Teresa Barral.

Trátase dun itinerario anular arredor da sede universitaria luguesa que permite apreciar os valores máis representativos dos 230 taxóns leñosos identificados e catalogados nas máis de 30 hectáreas de superficie sobre as que se estende o Campus de Lugo a través de paneis con información sobre as distintas especies vexetais en galego, español e inglés. Financiada pola Deputación de Lugo cunha achega orzamentaria de 5.200 euros, esta actuación constitúe unha nova dotación de mobiliario urbano que, ademais de achegar información sobre as distintas especies vexetais, tamén indica a súa distribución xeográfica e facilita así o percorrido desta ruta botánica.

A instalación destes paneis informativos serve tamén para completar o traballo de catalogación e posta en valor do patrimonio natural do Campus de Lugo, unha actuación promovida pola Oficina de Desenvolvemento Sostible e desenvolvida por diversos profesores e investigadores do Departamento de Produción Vexetal ó longo do curso 2010-2011 no marco do proxecto Campus Vida, Campus de Excelencia Internacional.

Este traballo inicial deu lugar á publicación da Guía Botánica do Campus de Lugo, unha obra editada pola Deputación de Lugo e a USC, e da que, segundo indicou Benita Silva, xa se está a preparar unha edición en galego que será accesible en aberto desde o repositorio do Servizo de Publicacións da USC. Do mesmo xeito, ó abeiro desta actuación elaborouse un mapa interactivo da flora leñosa do campus lugués que está dispoñible na web da USC.

A Guía Botánica do Campus de Lugo está estruturada en dúas partes. Na primeira ofrece unha descrición detallada do percorrido, así como unha cartografía sintética que presenta os sectores nos que se divide este itinerario, ademais dos fitos botánicos máis sobresaíntes e outras referencias para a localización do camiñante.

Unha colección de fichas ilustradas das 73 especies de flora leñosa catalogadas no estudo, e un anexo de 48 fichas nas que se describen un total de 48 estirpes (especies, híbridos e variedades) adicionais ás 73 especies antes citadas, completan esta obra que da a coñecer o patrimonio botánico e ornamental das áreas verdes do Campus de Lugo.

O acto de presentación da sinalización da Ruta Botánica do Campus de Lugo serviu para inaugurar unha exposición coas especies vexetais máis sobresaíntes do patrimonio botánico do Campus lucense, unha mostra fotográfica que permanecerá aberta ó público desde hoxe no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo.