Deputación de Lugo

A Deputación leva hoxe a Láncara os cursos do In Lugo para maiores da provincia sobre novas tecnoloxías

- 15 persoas participarán esta tarde nas accións formativas Aprende a utilizar eficazmente os buscadores e Aprende a comunicarte por e-mail, que se desenvolverán dende as 16:00 e ata as 21:00 horas no Consistorio - Outros tantos maiores farano mañá en Guitiriz, posto que o organismo provincial leva estes cursos gratuítos á Escola Ventista de Buriz

A Deputación leva hoxe a Láncara a programación itinerante e gratuíta de cursos do In Lugo, o 1º centro de innovación social de Galicia posto en marcha polo organismo provincial con fondos europeos do programa tecnolóxico Innova-TE. 15 maiores participarán esta tarde nas accións formativas Aprende a utilizar eficazmente os buscadores e Aprende a comunicarte por e-mail: o correo electrónico. Os cursos desenvolveranse dende as 16:00 horas e ata as 21:00 horas na Casa do Concello.

Mañá serán outras tantos maiores de Guitiriz os que teñan a oportunidade de coñecer gratis as vantaxes das novas tecnoloxías cos cursos do In Lugo. A Deputación leva estas mesmas accións formativas á Escola Ventisca, en Buriz.  

Os cursos do In Lugo están orientados a mellorar a calidade de vida e ó aprendizaxe dos maiores. O seu obxectivo é promocionar a autonomía persoal dos maiores da provincia, así como previr o deterioro cognitivo grazas ó emprego das novas tecnoloxías. A Fundación TIC encárgase da súa realización no marco da actuación “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia” do Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).