Deputación de Lugo

A Fundación TIC acada en 2013 a inserción laboral de 39 titulados da EIS con contratos de formación

O Padroado aproba as contas do ano pasado cun grado de execución do 98,92% e a memoria de actividades con máis de 600 accións, superando o seu propio récordBesteiro dixo que “cumprimos os obxectivos que nos marcamos nos orzamentos de 2013: unha educación pública de calidade destinada a formar ós alumnos para o mercado laboral”O ano pasado a TIC mantivo a gratuidade da matrícula e incrementou o número de convenios con ONGs e con empresas partnerships

O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou este luns a memoria de actividades da entidade en 2013, que inclúe máis de 600 accións. O Presidente do organismo provincial e da TIC, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que “acadamos un novo récord de actuacións coas que, ademais, cumprimos os obxectivos que nos marcamos cando aprobamos os presupostos do ano pasado: un ensino público e de calidade encamiñado á inserción laboral dos alumnos da Escola de Imaxe e Son”. Neste senso destacou que en 2013 se mantivo a gratuidade da matrícula, agás para os repetidores, e se fixo un importante esforzo inversor en bolsas de inserción laboral. “En concreto, o ano pasado 39 titulados da Escola accederon ó mercado de traballo como bolseiros. Varios destes ex alumnos xa quedaron incorporados ó cadro de persoal das empresas onde entraron con estes contratos de formación”.

Nesta reunión, o Padroado tamén aprobou a conta anual do exercicio 2013 cun grado de execución do 98,12% do presuposto, que ascendeu a 1.777.455 euros, e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. A esta cantidade hai que sumarlle 1 millón de fondos europeos para o Plan de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia que xestionou a TIC a través dunha encomenda da Deputación.

Ensino público e de calidade

Gómez Besteiro afirmou que “para nós o acceso a unha educación pública e de calidade é un dereito básico. Por iso, á hora de priorizar os fondos públicos, decidimos manter, por sexto ano consecutivo, a gratuidade de matrícula, agás para os repetidores, un esforzo inversor que se viu reflectido na alta demanda de prazas”. De feito, cubríronse por quinto ano, as 44 prazas de Realización e Produción e houbo lista de espera nos dous ciclos.

Dentro da formación que imparte a TIC destacan aquelas actuacións que proporcionan ós alumnos unha preparación en escenarios reais. Entre as novidades, o Presidente provincial sinalou “a emisión en directo por internet de actividades promovidas pola Deputación e organizacións coas colabora a TIC, a través de streaming, un servizo cada vez máis demandado no mercado”. Estas prácticas dos alumnos fixeron posible, por exemplo, ver en directo e íntegras todas as sesións plenarias da Corporación e dar unha maior proxección a actividades desenvolvidas na provincia como o Foro de Redes Sociais # InLugo, os tres días do Resurrection Fest de Viveiro, os Campionatos de Baristas de Foz ou o Concurso Lucus Intercentros.

Prácticas en empresas e emprendemento

O ano pasado aumentouse ata 81 o número de acordos con prestixiosas empresas a nivel nacional, que colaboran coa TIC como socios ou partnerships. A gravación e realización da Gala Lucus Moda, que se emitiu en V Televisión, ou a gravación e montaxe de 8 programas para Telelugo, baixo o título Decomprax, son algúns exemplos de traballos realizados por alumnos no período de prácticas. Dentro do seu modelo educativo, a TIC “tamén aposta pola cultura do emprendemento, aportando as ferramentas e formación necesarias para que os alumnos creen os seus propios proxectos, como foi o I Festival Itinerante de Balcóns Sonoros (FIBES)”.

Convenios de colaboración e promoción da provincia

Aumentouse nun 15,7% o número de convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e deportivas e empresas TIC da provincia. Polo que se refire á promoción da cultura, o deporte e o turismo da nosa provincia, a Fundación elaborou traballos audiovisuais que foron difundidos a través de axencias de noticias nacionais, xornais dixitais e canles de televisión e emisoras de radio. As feiras de artesanía da Pontenova, Ferreira de Guntín e Parga e as festas da Faba de Lourenzá, As San Lucas de Mondoñedo, do Queixo do Cebreiro e do Viño de Amandi son só algúns exemplos.

Transparencia e cooperación cos Concellos

A Fundación prestou apoio técnico a Concellos e a entidades públicas e privadas para accións vinculadas ó sector multimedia e fixo posible o desenvolvemento de actividades desenvolvidas polos distintos organismos dependentes da Deputación, como xornadas e conferencias nos salóns de actos e de plenos, ou no Centro de Artesanía e Deseño. E coa finalidade de que os lucenses coñezan de primeira man o labor que realiza a entidade, en 2013 potenciouse o contido das visitas didácticas ás instalacións da Fundación, nas que preto de mil alumnos e profesores de centros educativos da provincia fixeron a súas propias prácticas audiovisuais cos Ticodiarios e consolidouse a xornada de portas abertas Abertic.