Deputación de Lugo

Gómez Besteiro impulsará con 130 colectivos veciñais os primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España

“Vamos a iniciar as reunións en todas as Comarcas da provincia co aval do movemento asociativo, que era unha das históricas demandas de COGAVE”, adiantou Gómez Besteiro“Ningunha outra institución en Galicia atendeu esta petición. Hai 3 anos, propuxémosllos á FEGAMP e nin sequera conseguimos volver a reunirnos con Rey Varela”, remarcou Jesús Vázquez“É unha bocanada de aire fresco” ou “podo morrer tranquilo”, foron algunhas das reaccións de agradecemento dos representantes veciñais de toda Galicia ó coñecer esta noticia “histórica”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, Jesús Vázquez, asinaron este sábado un novo convenio, que permitirá que os case 130 colectivos lucenses con 15.000 socios que integran COGAVE colaboren co organismo provincial no impulso dos primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España, que terá a de Lugo no 2015.

Gómez Besteiro adiantou que “vamos a iniciar as reunións en todas as Comarcas da provincia co aval do movemento asociativo, que era unha das históricas demandas de COGAVE”. Jesús Vázquez destacou que “ningunha outra institución en Galicia atendeu esta petición. Hai tres anos, propuxemos á FEGAMP unha Comisión para recomendar presupostos participativos en todas as cidades galegas. Nin sequera conseguimos volver a reunirnos con Rey Varela, aínda que utilizamos de intermediario ó Vicepresidente da Xunta. A realidade é a que é. A Deputación de Lugo cre nos orzamentos participativos e outras institucións non. Besteiro desmostrounos que cre no movemento veciñal, que renuncia ó autismo social e que entende que o futuro pasa pola participación cidadá na xestión política. A democracia representativa fágase democracia participativa, é o noso lema”.

Decenas de representantes de COGAVE de toda Galicia, que estiveron presenten na sinatura do convenio e cualificaron esta noticia de “histórica”, agradeceron a Gómez Besteiro o feito de que por primeira vez unha institución os faga partícipes da elaboración dos seus orzamentos tras anos de reclamacións, salientando que “é unha bocanada de aire fresco” e ata “xa podo morrer tranquilo”.

Gómez Besteiro destacou que os presupostos participativos “é un novo instrumento de participación cidadá, co que buscamos mellorar a calidade democrática e a transparencia da institución, dándolle voz á cidadanía á hora de definir os orzamentos, a folla de ruta dunha administración, na que se establecen as súas prioridades e obxectivos; e explicándolles para que serve a Deputación, que proxectos está a desenvolver e onde se invisten os seus fondos”.

Todo o presuposto á participación cidadá

As experiencias de presupostos participativos que se deron ata o momento en España foron no ámbito local, en Concellos e Deputacións. Houbo experiencias en municipios de máis de 200.000 habitantes de Madrid, Sevilla, Zaragoza, Córdoba ou Málaga. As Deputacións de Málaga e Barcelona impulsaron presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento. Só a Deputación de Guipúzcoa puxo en marcha no 2013 unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e nun determinado territorio. Planteou unha consulta cidadá en Urola, para que os veciños esta Comarca decidisen onde investir 500.000 euros da Deputación. “Polo tanto, a Deputación de Lugo será a primeira en España en someter todo o seu presuposto á participación cidadá nos 67 Concellos da provincia”, remarcou.

Baixa participación en Galicia

Andalucía é a Comunidade Autónoma na que máis municipios incorporaron presupostos participativos, chegando ó 43% do total. Valencia acadou un 18% e Cataluña nun 15%. En Galicia, só en Ferrol ata 2011 e en Fene se desenvolveron proxectos de participación cidadá a través dun Foro Cívico que colaborou na elaboración dun Regulamento de Participación Cidadá. Outros municipios como O Grove e Culleredo prevén poñelos en marcha. Segundo un estudo publicado pola Revista de Investigacións Políticas e Sociolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, en Galicia hai unha baixa participación cidadá debido á ausencia dunha política de participación por parte do Goberno autonómico. Por exemplo, na Comunidade galega non existe un programa ou órgano que fomente a participación cidadá. Pola contra, o Goberno catalán puxo en marcha no 2006 unha Dirección Xeral de Participación a nivel rexional, creando un espazo de impulso, seguimento e avaliación da participación no territorio.

Colaboración con COGAVE

Con convenio asinado hoxe, a Deputación achega ademais a COGAVE unha subvención anual de 12.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades. Destaca a iniciativa solidaria Entre Veciños, pioneira en Galicia, que persegue a inserción laboral, a integración dos estranxeiros e a atención a persoas sen recursos económicos. Tamén promoven a recollida selectiva; a eliminación dos vertedoiros incontrolados ou o reforzo da seguridade no rural. A confederación está a xogar un papel protagonista en reivindicacións sociais de gran calado: a dotación de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear; recortes en Educación e Sanidade; abuso das eléctricas; participacións preferentes; imposto de sucesións...