Deputación de Lugo

A Deputación rematou a reparación das “chapuzas do PP” nos saleiros de Cervantes, Folgoso do Courel e Becerreá

- Martínez explicou que “o PP despilfarrou máis de 250.000 euros, mercando saleiros sen garantía, que nin soportan as toneladas de sal nin as condicións climatolóxicas” - “As chapuzas do PP custarannos a todos os lucenses polo menos 150.000 euros”, posto que o organismo provincial ten que reparar os 12 silos oxidados e con fisuras - Rematadas as reparacións dos de Cervantes, Courel e Becerreá, xunto ás da Fonsagrada executadas anteriormente, a institución arranxará progresivamente os restantes 8 silos

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, avanzou este xoves o remate dos traballos de mellora nos saleiros de Cervantes, Folgoso do Courel e Becerreá. Martínez explicou que “o Partido Popular despilfarrou máis de 250.000 euros de todos os lucenses,  mercando uns saleiros que, nin soportan as condicións climatolóxicas, nin as toneladas de sal. Adquiriron silos sen control, sen calidade suficiente e sen tan sequera garantía. Agora, temos que reparar os 12 saleiros distribuídos na rede viaria provincial. As chapuzas do PP custarannos a todos os lucenses polo menos 150.000 euros”. A institución achegou 30.000 euros ó arranxo dos silos de Cervantes, Courel e Becerreá. Anteriormente, adicou outros 15.000 euros na mellora do da Fonsagrada. Para a reparación dos restantes 8 saleiros, traballos que irá executando sucesivamente, terá que investir outros 100.000 euros.

Os técnicos provinciais constataron que os saleiros provinciais están totalmente oxidados, porque non contan coa capa de protección necesaria para protexelos das xeadas, choivas ou nevadas, que se rexistran en Lugo. As vigas nas que se sustentan teñen fisuras, porque non soportan as 30 toneladas de sal para as que teñen de capacidade.

Ata o momento, as melloras levadas a cabo nos silos de Cervantes, Becerreá, Folgoso do Courel e A Fonsagrada consistiron no selado das fisuras existentes, substitución do ferro oxidado e pintado. Progresivamente, realizaranse estes mesmos traballos nos saleiros de Ribas de Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita e Lugo.

A maiores dos traballos de reparación, “para que este situación non se volva a repetir”, posteriormente, a Deputación terá que reforzar as vigas, co fin de que non sigan perdendo masa e se xeren fisuras, e realizar unha campaña de imprimación, coa que evitar que se oxiden. “Para arranxar, definitivamente, estas chapuzas do PP, teremos que desembolsar máis cartos públicos”, salientou Martínez.

O organismo provincial conta con 12 silos, distribuídos en Cervantes, Becerreá, Folgoso do Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Neles almacénanse 360 toneladas de sal, 30 por silo.