Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo reduciu noutros 50.000 euros ó ano os gastos correntes coa administración electrónica

- Esta rebaixa foi posible coa tramitación electrónica de 2.100 expedientes a través de 1.808 accesos á sede electrónica, dispoñible en www.deputacionlugo.org - A administración electrónica permite a cidadáns, empresas e administracións, realizar ducias de procedementos sen ter que desplazarse ata as sedes dos servizos provinciais, achegando a administración ós seus usuarios e axilizando os prazos - A institución provincial reduciu os gastos correntes en 4,6 millóns de euros dende o ano 2009 grazas á implantación das novas tecnoloxías e a utilización racional dos recursos dispoñibles


A Deputación de Lugo conseguiu reducir en case 50.000 euros máis os gastos correntes no último ano grazas á e-administración, que na actualidade permite, tanto a cidadáns, como empresas e outras administracións, realizar máis de 50 trámites administrativos de xeito completamente telemático co organismo provincial.

Hoxe en día son máis de 50 trámites, tanto internos coma externos, os que se poden realizar on line. Estes trámites correspondéronse o pasado ano cun total de 2.100 expedientes administrativos, nos que se asinaron telematicamente outros tantos documentos, a través de 1.808 entradas na sede electrónica da Deputación, á que se pode acceder dende a web www.deputacionlugo.org.

Deste xeito, a administración electrónica permite tanto a cidadáns coma empresas e outras administracións, realizar ducias de procedementos sen ter que desplazarse ata as sedes dos servizos provinciais, achegando deste xeito a administración ós seus usuarios e axilizando os prazos.


Máis de 50 prazos
Os cidadáns poden, de xeito sinxelo a través dun ordenador ou dispositivo móbil, solicitar información e inscribirse en calquera das múltiples xornadas e divulgación ou accións formativas que organiza a Deputación ó longo do ano; acceder á documentación conservada no Arquivo Provincial; concertar citas previas cos distintos departamentos; trasladar as súas queixas e suxerencias; comunicar calquera tipo de incidencia nas vías provinciais; etc.

Do mesmo xeito, e atendendo á obrigada adecuación ó Esquema Nacional de Seguridade nas Administracións Públicas, en vigor dende o 1 de xaneiro deste ano, calquera pode realizar de xeito telemático os trámites necesarios para acceder, rectificar ou cancelar calquera información protexida pola Lei Orgánica, de xeito inmediato e sen ter que desplazarse ata a sede provincial.

Tamén as empresas da provincia poden beneficiarse de múltiples vantaxes: facer os trámites necesarios para obter as marcas LugoSabe e Lug02; sumarse á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, ou tramitar as súas facturas. Grazas á factura electrónica, a Deputación de Lugo é a 1ª das galegas en rapidez de pago a proveedores, cunha media de 8,9 días dende que se conforma a factura ata que esta se aboa.

Tamén os Concellos da provincia poden beneficiarse deste tipo de trámites telemáticos. As entidades locais da provincia poden acceder á central de compras da Deputación; facer consultas sobre cuestións de tipo xurídico ou técnico sobre procedementos administrativos, así como resolver calquera tipo de dúbida en relación coas novas tecnoloxías de xeito inmediato as 24 horas do día, entre outros servizos.

Aforro en gastos correntes
A implantación das novas tecnoloxías no funcionamento ordinario da administración é só unha das medidas adoptadas na Deputación que permitiron que os gastos correntes se reduciran en 4,6 millóns de euros dende o 2009, un 23,4%. De feito, o pasado ano a Deputación de Lugo tan só dedicou un 16,7% do seu Orzamento a este tipo de gastos.

Algunhas das medidas que fixeron posible este aforro rexistrado nos últimos cinco anos, foron a redución dos gastos de telefonía, os de material de oficina, ou do subministro eléctrico das dependencias provinciais.

En canto ós gastos de telefonía, tanto móbil como fixa, diminuíron en 130.000 euros ó ano, grazas a un novo contrato de telefonía, que reduciu as liñas de telefonía móbil a 78; estableceu cotas de consumo de 25 a 50 euros; estandarizou as tarifas de datos de todos os dispositivos móbiles e restrinxiu as chamadas saíntes, así como a posta en marcha dun servizo de telefonía de Voz sobre IP, de comunicacións telefónicas a través da rede, que permite que as chamadas internas, tanto a teléfonos fixos como a móbiles corporativos, sexan totalmente gratuítas.

Do mesmo xeito é destacable a contención nos gastos de material de oficina, que fixo posible un aforro de 1,1 millóns de euros grazas, non só á implantación das novas tecnoloxías, senón tamén a novas fórmulas de contratación: o contrato de aluguer de equipos multifunción, como fotocopiadoras e impresoras, ou a substitución do papel timbrado, que antes se encargaba a unha empresa, por plantillas informáticas.

Outra iniciativa de racionalización dos gastos correntes foi a reforma do contrato do subministro eléctrico nas dependencias provinciais. Tras o análise individualizado que realizaron os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, detectáronse algúns problemas de eficiencia que, unha vez solucionados, permitiron utilizar de forma más axeitada os recursos dispoñibles. Esta racionalización do gasto enerxético deu como resultado un aforro de 135.000 euros na factura da luz.