A Deputación esixirá ó PP a retirada das emendas á iniciativa veciñal que reclama servizos sanitarios para a provincia
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Goberno Provincial presentará unha moción, no vindeiro Pleno do 24 de xuño, para esixir a inmediata retirada das emendas presentadas polo Grupo Parlamentario do Partido Popular á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que buscaba garantir a prestación das especialidades de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no HULA.
O texto presentado pola iniciativa veciñal pretendía engadir un artigo á Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde Galega, para garantir os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear nas catro provincias, para que os lucenses contaran coas mesmas coberturas sanitarias que o resto de galegos. Malia que nun primeiro momento, na votación celebrada o pasado 25 de marzo, o Partido Popular pareceu sumarse á ILP, finalmente este presentou numerosas emendas á iniciativa, de xeito que non só desvirtúan a petición inicial, senón que parapean ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa decisión de discriminar a 350.000 cidadáns polo feito de residir na provincia de Lugo.
De feito, as seis emendas presentadas polo Grupo Parlamentario Popular modifican o articulado da iniciativa lexislativa cambiando o título desta por un de carácter moito máis técnico: Lei pola que se modifica a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de Garantías de Prestacións Sanitarias, e mesmo pretende cambiar ata a alma do mesmo texto lexislativo substituíndo a exposición de motivos que botaba cifras que non admitían interpretación sobre a mortalidade vinculada á falta dos devanditos servizos.
Estes cambios deixaron patente que o Partido Popular non só pretendeu ocultar a súa manobra, senón que xogou coa poboación lucense apoiando a esixencia á Xunta de Galicia de que Lugo conte cos mesmos servizos que o resto de territorios, emendando ata os prazos de posta en marcha dos servizos. Así, o mesmo Partido vota un día que a hemodinámica chegue a Lugo nun prazo máximo de seis meses, e que a radioterapia e medicina nuclear estean dispoñibles nun máximo dun ano, e ó día seguinte propoñan o contrario alongando os prazos de execución dos servizos ata un tempo de dezaoito meses, que se suman ós tres anos transcorridos dende que Feijóo prometeu a dotación destes tratamentos.
Feijóo discrimina ós lucenses
Deste xeito, as emendas presentadas por Feijóo non só cambiarán os prazos para garantir a dotación, senón que ademais, baleirarán de contido os servizos esixibles. A ILP esixía un mesmo servizo en condicións de igualdade para todos os galegos, con independencia da provincia na que residan, o que na práctica era dotar a Lugo dun servizo de Hemodinámica en funcionamento as 24 horas, algo co que xa contan os veciños da Coruña, Ourense e Pontevedra. Nembargantes, as emendas presentadas por Núñez Feijóo, que afirman que todas as provincias dispoñerán de procedementos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear en Galicia, remiten ó que xa acontece na actualidade: que estes procedementos existen para todos os galegos, pero que os lucenses só poden acceder a eles a través dos hospitais da Coruña e de Santiago.
Acordos
Polo exposto, e ante a insensibilidade e cinismo do Partido Popular, que é capaz de votar a favor da ILP dos lucenses para logo emendar e desvirtuar esta a través de emendas ó texto presentado pola cidadanía, o Goberno da Deputación somete a Pleno o seguinte acordo:
- Manifestar o rotundo rexeitamento ás emendas presentadas polo PP á Proposición de Lei de Iniciativa Popular para garantir a prestación das especialidades de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear en igualdade de condicións para a cidadanía galega con independencia do seu lugar de residencia en Galicia.
- Esixir ó Grupo Autonómico do Partido Popular a inmediata retirada das emendas á ILP da Plataforma Veciñal por considerar que a devandita proposta de Lei aglutinou un amplo consenso para o seu desenvolvemento reflectido na unanimidade da votación.