Deputación de Lugo

O Centrad organiza 8 novos Obradoiros Infantís de Artesanía gratuítos para 120 nenos nos meses de xullo e agosto

- Regina Polín presentou a programación de 8 cursos de contos reciclados; bonecos de lá; grafitti; malabares, ilustración e scrapbooking, que organiza o Centrad nos meses de xullo e agosto - Coma novidade, a participación estará aberta ós nenos en función do seu curso escolar, de xeito que poderán inscribirse os pequenos nados entre os anos 2000 e 2009 - As inscricións poderán facerse dende o 19 ó 24 de xuño, ambos inclusive, presentando as solicitudes por escrito no Rexistro Xeral da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.org

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este xoves unha nova tempada de Obradoiros de Artesanía Infantíspara a tempada de verán. O Centrad ofrece nesta ocasión un total de 120 prazas gratuítas nos meses de xullo e agosto. Coma novidade, a participación estará aberta ós nenos en función do curso escolar, é dicir, poderán inscribirse pequenos nados entre os anos 2000 e 2009.

Regina Polín destacou que “os Obradoiros Infantís xa son un clásico dentro da programación que ofrece, para públicos de todas as idades, o Centro de Artesanía e Deseño”. A Deputada subliñou que estes obradoiros, nacidos hai dous anos, “son unha experiencia moi positiva, consolidada grazas ó interese que as familias amosaron dende a primeira edición. Eles son os responsables últimos de que se celebren este tipo de actividades nas épocas de lecer escolar, coas que os máis pequenos aprenden dun xeito orixinal e diferente e se facilita a conciliación da vida familiar e laboral”. De feito, foi a intensa demanda o que motivou que se ampliase o calendario de celebración dos obradoiros.

Nesta ocasión serán 8 cursos didácticos, totalmente gratuítos, dirixidos a rapaces nados entre o 2000 e o 2009, que se desenvolverán nas instalacións do Centrad –agás un deles, que será no Centro de Cestería do Rato-, en tres quendas que se celebrarán dende o 30 de xuño ó 11 de xullo; do 14 ó 28 de xullo, e do 18 ó 29 de agosto. En función das idades dos nenos participantes, os cursos programados son os seguintes:

Na primera e terceira quendas,  os nenos nados entre o 2006 e o 2009, poderán participar en:
- obradoiro de contos reciclados: esta actividade achegará ós nenos a divulgación e conservación dos recursos naturais da provincial empregando o conto como ferramenta. Cada día presentarase un conto e traballarán os seus contidos con variadas actividades.
- obradoiro de bonecos de pompóns de lá: empregando lá de diferentes grosores e cores, e outros obxectos reciclados, os nenos confeccionarán os seus propios bonecos.
Os nenos nados entre o 2004 e o 2006:
- obradoiro de graffiti: os nenos aprenderán coñecementos de pintura con spray que logo poñerán en práctica sobre paneis de DM.
- obradoiro de conto ilustrado e animación: neste caso, os rapaces partirán dunha historia para deseñar un álbum ilustrado empregando materiais coma papel, plastilina ou cartulina.
Finalmente, os nenos nados entre o 2000 e 2003, terán:
- obradoiro de iniciación ó scrapbooking: empregando tesoiras, pegamento, cartullina, lazos ou tinta de estampación, os rapaces crearán composicións como tarxetas de felicitación, banderolas para adornar os seus cuartos ou caixas de regalo.
- obradoiro de iniciación ós malabares: o Centro de Cestería do Rato acollerá ós rapaces que queiran aprenden a construír elementos como paus chinos ou pelotas e facer malabares con eles.

No caso da segunda quenda, a que se celebrará entre o 14 e o 28 de xullo, os obradoiros dispoñibles por idades serán os seguintes:
Nenos do 2006 ó 2009:
- obradoiro manualidade de verán “crear e reciclar”: para concienciar ós nenos sobre a importancia da reciclaxe e das boas prácticas medioambientais, nesta actividade serán os nenos os que decidan a temática diaria sobre a que traballarán empregando materiais de refugallo.
- obradoiro de contos reciclados
Nenos do 2000 ó 2005:
- obradoiro de iniciación ó scrapbooking
- obradoiro de iniciación ós malabares

120 prazas
O Centro de Artesanía e Deseño pón a disposición das familias un total de 120 prazas gratuítas, 15 nenos por obradoiro. En canto ó horario, os obradoiros darán comezo ás 9:00 horas e prolongaranse ata as 14:00 horas. Coma sempre, un 15% das prazas estará reservado para nenos con necesidades especiais, para os que haberá flexibilidade en canto á idade e ós horarios, para que eles tamén poidan aproveitar a experiencia ó máximo.

Inscrición
A inscrición poderá facerse dende o 19 ó 24 de xuño, ambos inclusive, no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo, onde os interesados deberán presentar a solicitude cuberta e un xustificante de que os pais, nais ou titores están a traballar. Poderase descargar dito modelo de solicitude na web www.deputacionlugo.org, ou directamente nas dependencias do Rexistro. As inscricións faranse por rigorosa orde de solicitude, aínda que terán preferencia os rapaces cuxos proxenitores traballen e os que quedasen fóra de convocatorias anteriores.