Deputación de Lugo

A Deputación ofrece novas accións formativas gratuítas sobre agricultura ecolóxica en Monforte, Mondoñedo, Sarria e Viveiro

Imaxe deputación de lugo
- Faino tralo éxito acadado cos 21 obradoiros sobre agricultura ecolóxica celebrados co Fórmate en Verde, nos que participaron preto de 300 lucenses, froito dos cales xa se puxeron en marcha 6 novos negocios na provincia - O prazo de solicitude para as novas accións formativas gratuítas e abertas ó público está aberto en www.deputacionlugo.org. Máis información na web ou en 982-26-02-06

A Deputación pon en marcha novas accións formativas gratuítas sobre agricultura ecolóxica tralo éxito acadado co Fórmate en Verde. Preto de 300 lucenses participaron nos 21 obradoiros que o organismo provincial levou á zona Sur da provincia mediante dita programación que xera emprego no rural. Froito da formación e do asesoramento recibido, puxéronse en marcha ata o momento 6 novas explotacións de agricultura ecolóxica (en Carballedo, Guntín, Chantada, Castro de Rei e dúas en Sarria), rexistradas xa no CRAEGA, mentres outras tantas están en proceso de creación.

O organismo provincial leva as novas accións formativas sobre agricultura ecolóxica, totalmente gratuítas e abertas ó publico, a Monforte, Mondoñedo, Sarria e Viveiro. As datas de celebración son as seguintes: 

  • Mondoñedo acollerá dous seminario. O primeiro será o vindeiro luns, 23 de xuño, no que se abordará o Mercado e comercialización de produtos ecolóxicos. O seguinte será o 28 de xuño, no que se tratará a Produción de cultivos necesarios para a elaboración de cervexa artesá e a súa comercialización.
  • En Monforte celebraranse doutras dúas xornadas: o día 26 de xuño, o Mercado e comercialización de produtos ecolóxicos e, o día 19 de xullo, A compostaxe e os biofertilizantes.
  • En Sarria haberá un seminario, o 5 de xullo, sobre a Produción de cultivos necesarios para a elaboración de cervexa artesá e a súa comercialización
  • En Viveiro terá lugar outro, o 12 de xullo, sobre A compostaxe e os biofertilizantes.

Inscricións
Hoxe mesmo se abre o prazo de inscrición para as primeiras accións formativas (a do vindeiro luns en Mondoñedo e o próximo xoves, 26 de xuño, en Monforte). Os interesados poden formular a súa solicitude en www.deputacionlugo.org, onde atoparán detalles sobre os contidos e expertos que imparten os seminarios. Máis información en 982-26-02-06.

A Deputación aposta pola formación gratuíta sobre a produción ecolóxica xa que é un sector en auxe, tal e como constatan os seguintes datos: o 92% dos galegos coñece os produtos ecolóxicos; as vendas aumentaron nun 60% nos últimos 5 anos, pasando de 9.569.788 euros de facturación ós 23.292.806 euros. A provincia de Lugo é a que máis produtos certifica en Galicia, destacando a elevada facturación en leite e derivados, que son tamén os produtos favoritos entre os consumidores. A produción ecolóxica e forestal perfílase como unha oportunidade inmellorable para sacar o máximo rendemento ós recursos naturais da provincia dun xeito sostible, crear emprego no rural e favorecer a fixación de poboación.