Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aborda os retos do novo financiamento comunitario da Estratexia Europa 2020 nunha xornada formativa

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial impulsa esta xornada que terá lugar o 4 de xullo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos -  Destacados expertos ofrecerán pautas e recomendacións para poñer en marcha iniciativas que atendan ós principios estratéxicos de crecemento comunitarios de cara os vindeiros 6 anos - O prazo de inscrición ábrese hoxe en www.deputacionlugo.org. A asistencia é gratuíta, malia que as prazas son limitadas. As inscricións faranse por rigorosa orde de solicitude

A Deputación de Lugo acollerá, o vindeiro día 4 de xullo, unha xornada informativa sobre xestión de fondos europeos. Preparación das entidades locais ante os novos programas de financiamento comunitario durante o período 2014-2020 dará a coñecer as novidades do novo marco financeiro europeo e as posibilidades que este ofrece ás entidades locais que xestionen fondos ou programas europeos ou que teñan unha idea de proxecto.

A xornada abordará as pautas e camiños posibles para conseguir que Galicia acade os obxectivos da Estratexia Europa 2020, baseada nun crecemento sostible e integrador de todos os países da Unión. O ciclo non está formulado como unha lección maxistral, senón que serán mesas redondas participativas, nas que os asistentes poderán realizar consultas directas e se porán en común diferentes estratexias.

Programación das xornadas
Esta xornada, organizada polo organismo provincial en colaboración coa Fundación Galicia Europa; a Federación Galega de Municipios e Provincias–FEGAMP e a Consellería de Presidencia, contará coa presenza de destacados expertos da materia como Mayte Carracedo e Graciela Garrido, que amosarán algunhas fontes alternativas de financiamento para incentivar o crecemento económico.

As actividades darán comezo ás 10:00 horas coa primeira charla, que tratará sobre as novidades do marco financeiro plurianual 2014-2020 e os programas de xestión indirecta a cargo de Mayte Carracedo, Directora Xeral de Econet. Tras esta, ás 11:45 horas, dará comezo unha conferencia na que se abordarán os programas de xestión indirecta con Europa Creativa, Cidadáns con Europa ou Life. En torno ás 13:00 horas celebraranse unha serie de reunións individuais, co obxectivo de facilitar a creación de novos proxectos financiados pola Unión Europea. Poderase solicitar unha entrevista por entidade dunha duración duns quince minutos. A asistencia é gratuíta, malia que limitada a 50 prazas. As inscricións faranse por rigorosa orde de solicitude. Máis información na web www.deputacionlugo.org.

Lugo, 17 de xuño de 2014