Deputación de Lugo

45 rapaces participan dende hoxe na primeira quenda das actividades de verán do Centro de Artesanía e Deseño

Estes son os primeiros dun total de 120 nenos nados entre o 2000 e o 2009 que tomarán parte nos Obradoiros Infantís do Centrad dende agora ata finais de agosto

Unha nova edición dos Obradoiros Infantís do Centro de Artesanía e Deseño deu comezo hoxe coa participación dos primeiros 45 rapaces nados entre os anos 2000  e 2009 que tomarán parte nestas actividades de agora ó 31 de agosto.

Estes 45 rapaces, con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, tomarán parte dende hoxe nas actividades programadas segundo a súa idade. Deste xeito, os nenos nados 2006 ó 2009 contan cos obradoiros “contos reciclados”, no que aprenderán acerca da conservación de recursos naturais; “creación de bonecos de pompóns de lá”, no que empregarán obxectos reciclados de diferentes grosores e cores para a súa construción. Os nenos nados entre 2004 e 2006, contarán coas actividades “obradoiro de graffiti” coa que aprenderán coñecementos de pintura con spray; ou “conto ilustrado e animación”, no que deseñarán un álbum ilustrado empregando diversos materiais. Finalmente, os rapaces nados entre os anos 2000 e 2003 participarán nos obradoiros “iniciación ó scrapbooking”, no que crearán diversos obxectos de decoración e “iniciación ós malabares”, no que construirán distintos elementos e aprenderán a usalos.

Estes obradoiros gratuítos, organizados nas épocas de lecer escolar, están pensados para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ó que contribúen sen dúbida ó seu éxito, continuado dende a primeira edición, cubrindo sempre a totalidade das prazas ofertadas.