Deputación de Lugo

A Fundación TIC colabora co II Campus de Verán Científico Técnico de Lugo

-Un equipo da Fundación TIC asesorará ós preuniversitarios na realización de vídeos de presentación dos seus proxectos   -A Escola de Imaxe e Son da TIC tamén achegará ós participantes a súa proposta de estudos -O obxectivo do Campus é dar a coñecer as carreiras científicas e técnicas que ofrece a Universidade dende un punto de vista práctico

Un equipo da Fundación TIC formado por profesionais do Centro de Produción de Programas (CPP) e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS) participa durante esta semana no II Campus de Verán Científico Técnico de Lugo prestando asesoramento técnico a todos os alumnos que desexan usar ferramentas audiovisuais nas presentacións dos seus proxectos. Tamén gravará e editará un resume audiovisual de todas as actividades que se realicen durante estas xornadas. 

A TIC tamén dará a coñecer a súa proposta de estudos ós case 90 preuniversitarios inscritos neste Campus. A Escola de Imaxe e Son é o único centro en Lugo que imparte ensinanzas relacionadas coa familia profesional do audiovisual. No centro pódense estudar os ciclos superiores de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos así como o de Realización de Audiovisuais e Espectáculos.

II Campus Científico Técnico
O Campus de Verán Científico Técnico de Lugo ten como obxectivos fomentar o interese do alumnado preuniversitario pola ciencia e a tecnoloxía ó tempo que informar das titulacións relacionadas con elas no Campus de Lugo, e das súas saídas laborais. Esta actividade é de marcado carácter práctico, e conta con obradoiros e presentacións de proxectos científicos e técnicos nos que o alumnado ten un contacto directo coas diversas ramas da ciencia e da tecnoloxía.

O Campus que desenvolverase os días 23 e 27 de xuño nas facultades de Ciencias, Humanidades e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior e que se estenderán dende 9:30 horas ás 18:00. Nesta oferta formativa haberá visitas ós distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus lucense, así como a centros colaboradores como a Biblioteca, a Aula de Produtos Lácteos ou o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.