Deputación de Lugo

Gómez Besteiro rebaixou en 92 millóns de euros a débeda que o PP deixou na Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
- O Partido Popular deixou unha débeda na Deputación de Lugo de case 123 millóns de euros no 2007, que o actual Goberno Provincial reduciu ata os 31 millóns de euros no 2013 - Os datos oficiais e públicos do Ministerio de Facenda constatan que a de Lugo é hoxe a Deputación de Galicia menos endebedada, ocupando o 8º posto no ránking nacional - “O PP confúndese coa Xunta de Feijóo, que triplicou a súa débeda en 5 anos, pasando dos 3.000 millóns de euros ós 9.900, tendo máis débeda que orzamento”, destacou García Porto - A Deputación de Lugo avanza cara o obxectivo de débeda cero no 2016, posto que este ano xa rematará cun endebedamento inferior ós 24 millóns de euros

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, lembrou este venres ó Partido Popular que o Goberno Provincial de José Ramón Gómez Besteiro rebaixou en 92 millóns de euros a débeda que os populares deixaron na Deputación de Lugo. “É sorprendente que o PP veña a dar leccións, cando fixeron que a débeda deste organismo provincial se situase no 2007 en case 123 millóns de euros, que nós reducimos en 92 millóns de euros, é dicir, ata os 31 millóns do 2013”, salientou.

“O Partido Popular debería coñecer os datos oficiais do Ministerio de Facenda, que o propio Goberno Central publicou, estando ó acceso de todos os cidadáns, e que constatan que a de Lugo é a Deputación de Galicia menos endebedada. Tal e como poden comprobar no Ministerio, a 31 de decembro de 2013, a débeda da Deputación de Pontevedra era de 67 millóns de euros, a de Ourense de 45 millóns, a da Coruña de 43 millóns e a de Lugo de 31 millóns. Estes datos oficiais e públicos fan que a de Lugo se manteña á cabeza das Deputacións de España menos endebedadas, ocupando o 8º posto no ránking nacional”, apuntou.

“O PP confúndese coa Xunta de Galicia, que triplicou a súa débeda en só 5 anos, dende a chegada de Feijóo ó Goberno galego, pasando dos 3.000 millóns de euros no 2009 ós 9.900 millóns de euros da actualidade, tendo xa máis débeda que orzamento”, remarcou a tamén Deputada de Economía, Recadación e Facenda.

A Deputada lembrou que no 2014 o organismo provincial lugués rebaixará novamente o seu nivel de endebedamento. De feito, xa aprobou unha amortización anticipada de débeda de 13,3 millóns de euros. Isto suporá que o endebedamento se sitúe nos 24 millóns de euros ó remate deste exercicio. O obxectivo é reducila aínda máis ó longo deste ano e acadar a débeda cero no 2016.