Deputación de Lugo

O BOP publica hoxe o prego de condicións para a cesión gratuíta dos bens mobles do San José

Imaxe deputación de lugo
- Institucións e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro poderán participar neste concurso, acreditando que destinarán este material ó desenvolvemento da súa actividade- A partires do sábado e durante 15 días, poderán entregar as súas solicitudes no Rexistro da Deputación ou ben por correo ordinario. Poden consultar o inventario dos bens coas súas fotografías no Pazo de San Marcos ou velo directamente no San José con previa solicitude - No caso de concorrer intereses sobre o mesmo material, celebrarase un sorteo testemuñado polos propios interesados. Excluirase do mesmo a aqueles que xa se fixeran co 20% dos bens incluídos na súa solicitude co fin de beneficiar ó maior número de colectivos

O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe o prego de condicións que rexe o concurso que pon en marcha a Deputación para a cesión gratuíta dos bens mobles do antigo hospital San José co obxectivo do seu aproveitamento público e social.

Por este motivo, este proceso está dirixido a institucións e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que deberán acreditar que destinarán este material á promoción e ó desenvolvemento da súa actividade.

A partires do sábado e durante 15 días, poderán entregar as súas solicitudes no Rexistro do Pazo de San Marcos, de 09:00 a 14:30 horas, ou ben envilas por correo ordinario.

Durante este periodo, estará a súa disposición un completo inventario dos bens existentes, xunto coas súas fotografías, para a súa consulta no departamento provincial de Patrimonio, situado no Pazo Provincial. O horario de atención é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas. Con previa solicitude na institución, tamén poderán visitar as instalacións do San José para ver o material desexado.

O organismo provincial creará unha Comisión de Seguimento para avaliar as propostas presentadas. No caso de concorrer intereses sobre os mesmos bens, celebrarase un sorteo testemuñado polos propios interesados. Excluirase do sorteo, a aqueles que xa se fixeran co 20% dos bens incluídos na súa solicitude co fin de beneficiar ó maior número de colectivos.

Resolto o concurso, os gastos de desmontaxe e transporte dos bens correrán a cargo dos adxudicatarios.