Deputación de Lugo

A Deputación recibe 560 solicitudes para as axudas de 1,7 millóns de euros en impulso do sector primario e do rural

- 129 peticións son para a recuperación de terras abandonas, 104 para mellorar ou instalar novas traídas de auga e 327 para o acondicionamento de estruturas de uso comunitario - A de Lugo é a 1ª Deputación en Galicia que ofrece axudas para o aproveitamento de terreos baldíos, tendo en conta que o 80% do territorio galego está sen poñer a producir -  As subvencións, que unha mesa estritamente técnica está a valorar para resolvelas á volta do verán, beneficiarán a agricultores, gandeiros e veciños “que realmente viven, traballan e crean emprego no campo, todo o contrario que a PAC”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que a Deputación recibiu un total de 560 solicitudes para as axudas de 1,7 millóns de euros do plan en impulso do sector primario e do rural, “cifras que amosan o interese e o éxito da nosa programación”. Martínez avanzou que unha mesa de valoración, estritamente técnica, está a revisar cada unha das peticións co fin de resolver as subvencións á volta do verán. 

A distribución das solicitudes é a seguinte:

- 129 para a recuperación de terras abandonadas. “Somos a primeira Deputación galega que ofrece este tipo de subvencións. Facémolo, tendo en conta que a superficie agraria abandonada en Galicia aumentou, na última década, en máis dun 66%, sobre todo na provincia de Lugo. Hoxe, o 80% do territorio galego está sen poñer a producir. Estas cifras amosan que proxectos como o Banco de Terras, ou non están funcionando axeitadamente, ou son insuficientes. Polo tanto, fan falla máis medidas coma estas axudas, coas que incentivar a posta en valor do territorio. Ademais, estas subvencións contribúen a previr incendios e a controlar a proliferación de fauna salvaxe, favorecendo unha axeitada ordenación do territorio”, salientou o voceiro.

A axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir un máximo de 9.000 euros cada beneficiario: gandeiros e agricultores a título individual ou ben agrupacións, SAT ou personas xurídicas que teña titularidade de explotacións. Estes deberán ter a parcela a produción durante un período mínimo de dous anos. No caso de incumprir este requisito, perderán a axuda. Ademais, terán que xustificar, achegando a declaración da renda, que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria “co fin de  conceder estas axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo, todo o contrario que a PAC, pois, por culpa dos criterios de reparto, fixados polos Gobernos central e galego, prima a quen non vive no campo, nin do campo”, remarcou.

- 104 para traídas de auga, “un servizo básico e custoso, así como fundamental para a actividade agrogandeira, que moitos Concellos non teñen capacidade económica para garantilo”. Os destinatarios destas axudas son comunidades de montes ou de usuarios, así como asociacións de veciños. Nos criterios de valoración, priorizarase o número de usuarios que se dediquen á actividade agropecuaria co fin de axudar ó sector primario. Destas 104 solicitudes, 48 son para novas instalacións, sendo a axuda máxima de 30.000 euros; e 56 para melloras nas existentes, sendo o límite 10.000 euros. 

- 327 para o acondicionamento de estruturas de uso comunitario. Por exemplo, arranxo de camiños, fontes, bebedeiros, depósitos de incendios, sistemas de regadío comunitario… “En definitiva, para o arranxo de instalacións que melloran a calidade de vida no campo e faciliten o seu traballo”. O máximo por beneficiario é de 12.000 euros.

“Recibidas as solicitudes ó longo dos dous últimos meses, unha mesa de valoración, estrictamente técnica, revisará unha por unha, comprobando o cumprimento dos requisitos, co fin de resolver estas axudas de 1,7 millóns de euros á volta do verán”, indicou.

Parque ambiental e biosaudable no Valadouro
A Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de contratación dos traballos de instalación e dotación dun parque ambiental e biosaudable no Valadouro. “Acordamos achegar a estas actuacións 66.600 euros, financiados nun 80% por fondos europeos do Lug02. Situarase na parroquia de Moucide, á carón do local social, e incluirá, ademais de aparellos para nenos, instalacións para o disfrute medioambiental deste espazo, con indicadores sobre a riqueza natural da zona. Con este parque ambiental e biosaudable, contribuímos a mellorar a calidade de vida no Valadouro, onde o 35% dos seus habitantes supera os 65 anos fronte ó 8% que ten menos de 16 anos”, explicou Martínez.