Deputación de Lugo

Primeiras consultas dos lucenses sobre a factura da luz no servizo gratuíto e pioneiro da Deputación

- En marcha o 1º servizo gratuíto de asesoramento cidadá para aforrar na luz que ofrece unha institución en Galicia: a Deputación de Lugo- Información sobre o mercado eléctrico, análise da factura, medidas de redución de custes ou tramitación de bonos socias, son algunhas das prestación que se ofrecen- Técnicos da Axencia Provincial da Enerxía atenden todas as consultas de xeito presencial, no Pazo de San Marcos, ou no 982-26-01-13 e en asesoria.facturacion@deputacionlugo.org

A Deputación atende as primeiras consultas dos lucenses no servizo gratuíto de asesoramento sobre a factura da luz, que vén de poñer en marcha este mesmo luns, converténdose no 1º organismo provincial en Galicia con esta prestación. Faino ante as continuas subas na luz do Goberno Central, a situación de desinformación na que se atopan os cidadáns, así como debido ós abusos que sofren por parte das eléctricas.

A factura eléctrica incrementouse nun 63% nos últimos anos. España xa é o 3º país da Unión Europea coa luz máis cara. O gasto medio na luz por domicilio ascende ós 775 euros ó ano. Tendo en conta que en Lugo hai preto de 136.000 vivendas, segundo datos do INE e excluíndo as segundas vivendas, os lucenses pagan ó ano máis de 100 millóns de euros pola luz. Este gasto é maior, posto que hai que engadir os custes da luz nos Concellos, onde a media, nun municipio de menos de 5.000 habitantes, é doutros 200.000 euros anuais.

Servizos
Ante esta situación, Técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación de Lugo ofrecen, a custe cero e de maneira individualizada, os seguintes servizos:

1.- Información sobre o mercado eléctrico, as principais variables do sector ou as particularidades do consumo cidadán.
2.- Análise da factura eléctrica con fin de detectar posible erros ou defectos, colaborando, no caso da súa existencia, na tramitación de avisos, queixas ou suxerencias.
3.- Asesoramento sobre as posibles medidas para reducir custes e optimizar o subministro, tendo en conta os hábitos de consumo. Por exemplo, con novos tipos de tarifas, cambiando a potencia eléctrica contratada ou implantando mecanismos de baixo consumo.
4.- Tramitación de bonos sociais, que poden solicitar persoas coas rendas máis baixas, para acadar un desconto do 25% na luz.
5.- Seguimento personalizados de todas as consultas realizadas. A intención é coñecer o funcionamento das medidas asesoradas de cara ó éxito deste servizo

Canles para as consultas

O servizo gratuíto de asesoramento cidadá atópase no 2º andar do Pazo de San Marcos. As consultas aténdense de xeito presencial ou ben a través de teléfono ou correo electrónico. Para unha mellora atención individualizada, é necesario pedir cita previa. Pódese facer no 982-26-01-13 ou no email asesoria.facturacion@deputacionlugo.org. Nestes mesmos canais, tamén se atenderán as consultas. O horario de atención é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.