Deputación de Lugo

A Deputación achega 25.000 euros a AFRICOR-LUGO, o colectivo gandeiro de control leiteiro máis grande de España

- Gómez Besteiro e Vega Rodríguez asinaron o convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha dun innovador programa de mellora xenética de gando vacún frisón - Esta iniciativa permitirá incrementar a produción e a calidade do leite das máis de 1.700 explotacións que integran AFRICOR e que concentran o 70% da produción láctea de Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente de AFRICOR-LUGO, José Carlos Vega Rodríguez, acompañados pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, asinaron este xoves un convenio de colaboración mediante o cal o organismo provincial achega a esta asociación lucense de control leiteiro sen ánimo de lucro, que é a máis grande de España ó contar con 1.739 socios, un total de 25.000 euros.

Este investimento achegarase a formación, organización de poxas, sendo a próxima o 19 de xullo en Muimenta e, principalmente, á posta en marcha dun innovador programa de mellora xenética de gando vacún frisón co que acadar exemplares de elite para incrementar a produción e a calidade do leite. Consiste na realización de probas xenómicas (analíticas), que mostran as características xenéticas das novillas (ADN). En base a esta información, determínase o exemplar co que debe ser inseminado co obxectivo de conseguir unha segunda xeración máis completa.

As máis de 1.700 explotacións lácteas que integran AFRICOR, representando a terceira parte das existentes na provincia, producen o 70% do leite de Lugo, é dicir, unhas 700.000 toneladas, posto que a produción na provincia supera o millón de toneladas. Estas cifras oficiais, que dan conta das vantaxes dos controis leiteiros, poderán incrementarse con este innovador programa de mellora xenética, que financia na súa totalidade a Deputación.

Segundo un estudo de AFRICOR, na última década aumentouse nun 47% o numero medio de reprodutoras por gandeiría para manter as explotacións ante a redución de beneficios e o incremento dos custes de produción. De seguir esta tendencia, nun horizonte de 10 anos, estímase o peche do 20% das gandeirías, feito que evidencia a necesidade de medidas coas que facer máis rendibles as explotacións para a súa supervivencia, como a mellora xenética dos exemplares.   

Este novo investimento, engádese ós 30.000 euros que o organismo provincial concedeu á AFRICOR-LUGO en pasadas anualidades para a súa actividade. A mellora xenética das novillas é un dos obxectivos que busca a Deputación co 1º centro de recría de gando frisón público en España, que está a construír no Concello de Castro de Rei. A para a súa posta en marcha destas instalacións, que estarán listas no 2015, duplicará, ademais, a capacidade de recría existente en Galicia, con 3.000 novas prazas, aforrando cartos ós gandeiros e dinamizando a economía da provincia.