Deputación de Lugo

Martínez: “Ó PP moléstalle que a Deputación cree emprego. Hai unha sentenza firme que avala a selección de case 1.000 traballadores”

Imaxe deputación de lugo
- “Moléstalles porque a Deputación leva investido na provincia máis de 13 millóns de euros en emprego fronte ós 4 millóns de euros da Xunta do PP dos que presume, cando teñen un orzamento 100 veces superior ó desta institución e as competencias directas na materia” - “O Contencioso administrativo número 1 dictou unha sentenza firme, avalando as bases e o proceso de selección de case 1.000 traballadores para o Lugo Emprega. A xustiza deu a razón á Deputación, destacando que foi un proceso totalmente legal e correcto” - O caso que chegou ó TSXG tras o recurso presentado pola Deputación unicamente determinou a necesidade de volver a cualificar a 4 persoas. “Como administración respectuosa coa xustiza, a Deputación acata a sentenza”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou este venres que “o único que lle molesta ó Partido Popular é que a Deputación de Lugo cree emprego. Moléstalles porque esta administración leva investido na provincia luguesa máis de 13 millóns de euros en emprego fronte ós 4 millóns de euros da Xunta do PP dos que presume, cando teñen un orzamento 100 veces superior ó desta institución e as competencias directas na materia. Vamos seguir poñendo en marcha novos plans de emprego, por moito que lle moleste ó PP”.

Martínez lembroulle ós populares que o Contencioso administrativo número 1 dictou unha sentenza firme, avalando as bases e o proceso de selección de case 1.000 traballadores para o Lugo Emprega, logo da denuncia presentada pola CIGA. “A xustiza deu a razón á Deputación, destacando que foi un proceso totalmente legal e correcto, que supuxo que os 67 Concellos da provincia, independentemente da súa cor política, se beneficiasen deste plan de emprego da Deputación”.

Fronte á amplitude do caso levado polo Contencioso administrativo número 1, no que se comprobou o procedemento xeral do Lugo Emprega, o Contencioso administrativo número 2 avaliou o proceso de selección que atinxiu só a 4 persoas. O caso chegou ó TSXG tras o recurso presentado pola Deputación, que unicamente determinou a necesidade de volver a cualificar a estas 4 persoas. “Como non pode ser doutra forma, como administración respectuosa coa xustiza, a Deputación acata a sentenza, polo que o Servizo de Persoal está a estudar a fórmula para recualificar a estas 4 persoas”.