Deputación de Lugo

A Deputación aproba as bases para reutilizar o Hospital San José cun uso social

- O procedemento de concorrencia competitiva está dirixido a entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou de interese social - Martínez explicou que “procuramos a ocupación da totalidade do edificio, aínda que isto non exime da presentación de propostas para empregar parte do inmoble. Non queremos edificios abandonados e deteriorados como fai a Xunta co Hospital Xeral” - A concesión será por 25 anos, ata o 2040, coincidindo co prazo do acordo entre Deputación e Concello de Lugo sobre o San José e o Fogar de Santa María

Tal e como avanzou o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, a Xunta de Goberno deste venres aprobou as bases para reutilizar o antigo Hospital San José cun uso social. Trátase dunha superficie de 22.000 metros cadrados, que comprende o edificio, os xardíns e os accesos, quedando excluídas, polo tanto, as instalacións da Fundación TIC e do Centro de Innovación Social (In Lugo). 

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que, tal e como recollen as bases, este procedemento “está dirixido a entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou de interese social, que poidan estar interesadas na adxudicación da concesión para o aproveitamento da totalidade do inmoble co fin de utilizalo para a explotación dos fins que lle sean propios. A súa actividade terá que estar dirixida principalmente ós veciños de toda a provincia de Lugo; debe perseguir unha finalidade social, humanitaria ou comunitaria para o progreso, desenvolvemento ou ben común da sociedade, especialmente de colectivos e persoas con necesidades especiais ou vulnerables; ou ben estar destinada a cubrir outros aspectos da sociedade de contido formativo, cultural, social ou lúdico; ademais de promover a dinamización da cidade de Lugo”.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e seguindo as normas do procedemento aberto. Será por 25 anos, ata o 2040, coincidindo co prazo do acordo entre Deputación e Concello de Lugo para o intercambio das instalacións do Fogar de Santa María e San José. Non obstante, as bases contemplan prórrogas de 10 anos, ata un máximo de 75 anos dende o inicio do proceso.

A Xunta e o abandono do Xeral
Nas ofertas deberase incluír o documento xustificativo da declaración de entidades en ánimo de lucro, declarada de utilidade pública ou de interese social; a descrición dos fins da entidade, actividades desenvoltas e ámbito territorial; o programa de adecuación do inmoble ás actividades; xustificación da necesidade de ocupación da totalidade do edificio provincial.

Neste senso, Martínez aclarou que “valoraremos a maior ocupación do edificio, aínda que isto non exime da presentación de propostas para empregar parte do inmoble. O noso obxectivo é a súa ocupación total, posto que non queremos edificios abandonados ou deteriorados, como fai a Xunta co antigo Hospital Xeral”.

A cesión do San José a fins sociais é un paso máis da Deputación na posta en valor do patrimonio provincial. Previamente, a institución xa lle deu un novo uso ó antigo Hotel Miño, ó Pazo de Tor e á gardería do Campus de Lugo, despois de que o anterior Goberno Provincial os deixara sen uso e abandonados.

“Non nos podemos permitir o luxo de ter edificios públicos abandonados, deteriorados e pechados, como o antigo Hospital Xeral, polos que pagamos cantidades millonarias con cartos públicos. Só como exemplo, a Deputación paga 29.300 euros anuais polo IBI do San José”.

Mañá, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicará as bases, abrindo un prazo de 30 días para a presentación de propostas no Rexistro do Pazo de San Marcos.

A Deputación leva dende o 2011 buscando unha saída viable e socialmente rendible  a estas instalacións. Intentouno como Parador. Xunto ó Concello de Lugo, presentou o inmoble ós representantes de paradores de España. Malia a positiva valoración, finalmente o Goberno Central desbotou esta oferta pola situación económica.  

Cláusulas sociais
A Xunta de Goberno aprobou a contratación do servizo de vixilancia e seguridade de parte das dependencias provinciais. O organismo provincial incorporou neste prego claúsulas sociais en defensa dos dereitos dos traballadores, converténdose na 1ª Deputación de España que fai isto nun contrato de servizos. Deste xeito, estableceu novos baremos para a súa adxudicación, como o número de traballadores indefinidos; as melloras nas condicións laborais e salarias con respecto ó Estatuto dos Traballadores; a incorporación de traballadores con discapacidade; ou non permitir baixadas anormais ou desproporcionadas no prezo desta prestación a consta de reducir os gastos laborais, aínda que a oferta económica puntúe moi significativamente, tal e como dicta a lexislación estatal e autónomica actual. Tamén marcou novas obrigas á adxudicataria durante a execución do contrato, como que deben cumprir coas condicións laborais que ofertaron (manter o número de traballadores, contratos indefinidos, soldos...); ou as condicións económicas e sociais do convenio estatal. No caso de vulnerar estas obrigas, a Deputación poderá resolver o contrato ou penalizar á contratista, en función da gravidade da infracción.