Deputación de Lugo

Un equipo de 57 dinamizadores tecnolóxicos traballará nos 48 Concellos sumados ao plan Innova-TE

- Con este novo servizo, a Deputación responde á demanda que lle trasladaron os propios municipios, “que quedaron moi satisfeitos da primeira parte do proxecto”, subliñou Manuel Martínez. Os dinamizadores darán formación e asesoramento entre novembro e marzo - A Xunta de Goberno aprobou destinar 71.600 euros á adquisición de 360 toneladas de sal co fin de ter listo en novembro o dispositivo que garante a conservación e mantemento dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais durante o inverno    - O organismo lugués equipará a casa consistorial de Rábade cunha caldeira de biomasa, co que o Concello aforrará un 40% na factura da calefacción destas instalacións

Un equipo de 57 traballadores dará formación e asesoramento especializado no campo das novas tecnoloxías nos 48 Concellos de todas as cores políticas que decidiron sumarse ao programa Innova-TE da Deputación. Con este novo servizo, o organismo provincial responde á demanda que lle trasladaron os propios Concellos, “que quedaron moi satisfeitos coa primeira fase do proxecto, na que contaron con 5 dinamizadores durante case un ano”, subliñou este venres o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Un dos asuntos aprobados na sesión de hoxe foi a posta en marcha deste plan que ten como obxectivo “seguir fomentando o uso da Administración electrónica e as novas tecnoloxías, e sacarlles o máximo partido”, explicou Martínez. Nesta segunda fase, a Deputación reforza o equipo,  pois pasan a ser 57 dinamizadores sociotecnolóxicos, pero tamén o seu ámbito de actuación, pois, ademais de estar a disposición dos Concellos, desenvolverán actividades dirixidas aos veciños en xeral co fin de potenciar o uso das novas tecnoloxías e mostrar como se poden aproveitar todas as súas posibilidades a nivel persoal e laboral.

576 cursos e 5.000 persoas beneficiadas
Comezarán a traballar xa no mes de novembro e rematarán a principios de marzo. Entre outras actuacións:
- Impartirán un plan de formación de 576 cursos para os empregados municipais sobre temas como os trámites electrónicos, antivirus, ferramentas web, xestión de portais web, formación xurídica relacionada coas novas tecnoloxías ou posta en marcha de sedes electrónicas.
- Axudarán aos Concellos a resolver posibles incidencias nos equipos informáticos ou da rede.
- E tamén organizarán xornadas divulgativas e de sensibilización que chegarán a unhas 5.000 persoas e abordarán cuestións como o uso da administración electrónica, o comercio a través da Internet ou a navegación segura pola Rede.
Este novo servizo está cofinanciado nun 80% por fondos europeos a través do plan Innova-TE, polo tanto, a custe cero para os 48 municipios beneficiados.
Plan Invernal de estradas
A Xunta de Goberno acordou destinar unha partida de 71.600 euros á adquisición de 360 toneladas de sal, 30 para cada un dos 12 silos que a Deputación ten distribuídos noutros tantos municipios da provincia: Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita e Lugo.
Deste xeito, “comezamos xa cos preparativos para, como todos os anos, ter listo en novembro o Operativo Invernal da rede viaria provincial, cando se produzan as primeiras inclemencias meteorolóxicas”, asegurou o voceiro socialista provincial.

Como nas pasadas campañas, explicou, a Deputación contará cun amplo operativo formado por máis de 100 traballadores e 54 máquinas, que, xunto cos depósitos de sal, garanten  o bo estado dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais durante o inverno e, con elo, a seguridade dos usuarios.

Aforro enerxético en Rábade
Na sesión de hoxe da Xunta de Goberno tamén se deu luz verde a un convenio de colaboración co Concello de Rábade para equipar a casa consistorial cunha caldeira de biomasa para o sistema de calefacción, un proxecto ao que a Deputación destina 36.000 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea a través do programa Lug02.

Con esta actuación, o Concello aforrará un 40% ao ano na factura de calefacción da casa consistorial, ademais de evitar a emisión anual de 11,5 toneladas de CO2 á atmosfera.

“Impulsamos esta nova experiencia piloto de subministro de enerxías renovables a edificios municipais tras os bos resultados das que levamos a cabo na Fonsagrada -onde instalamos tamén unha caldeira de biomasa no novo Concello- e Monterroso, onde equipamos a piscina climatizada municipal con paneis solares”, sinalou Manuel Martínez.

Ademais do aforro económico que supón para as arcas municipais, estes proxectos pretenden servir de modelo co obxectivo de concienciar aos veciños das vantaxes económicas e da importancia medioambiental de incorporar enerxías renovables nas súas vivendas, empresas ou explotacións agrogandeiras.

O convenio con Rábade súmase ao plan de aforro enerxético que a Deputación desenvolve en 37 Concellos, aos que lle fixo unha auditoría e agora dota gratis de materiais de baixo consumo para reducir a factura da luz.

Bolsa formativa de artesanía
Outro dos asuntos aprobados foron as bases da convocatoria pública dunha bolsa formativa de artesanía de 12 meses de duración, “unha iniciativa coa que favorecemos a consolidación e profesionalización do sector artesanal da provincia e, con elo, a súa capacidade de xerar riqueza e emprego”, afirmou Martínez.

Novas obras para “reparar a gran chapuza do PP” en Riotorto
A Xunta de Goberno acordou adxudicar unhas obras coas que “seguiremos resolvendo a gran chapuza que fixo o Partido Popular co acondicionamento da estrada de Marco de Álvare ás Rodrigas”, subliñou o Deputado. Estes traballos complementarios ao proxecto inicial teñen un custe de máis de 96.200 euros e son necesarios para evitar derrumbes na estrada. Construirase unha escolleira para que non se descalce o terraplén e unhas cunetas que evitarán a acumulación de auga.

Estas obras en particular teñen un prazo de execución de tres meses. En canto á totalidade dos traballos, a Deputación prevé que estean rematados a primeiros de ano.

“Tivo que chegar este Goberno provincial para que os veciños conten cunha estrada en boas condicións de calidade e seguridade. O PP enganou  durante anos aos veciños prometéndolles unha obra para a que non tiña nin terreos nin cartos; logo bloqueounas durante 2 anos máis, que foi o tempo que a Xunta tardou en resolver as expropiacións, e, non contentos, ata denunciaron as obras nos xulgados, que finalmente arquivaron a causa”, manifestou Manuel Martínez.