Deputación de Lugo

Éxito de convocatoria da 5ª edición do programa medioambiental Lugoteando da Deputación cunha participación de 800 persoas

- Os Robles e A Fonsagrada pecharon hoxe as actividades coas que a Deputación aposta polo lecer ecolóxico como oportunidade única para a provincia, tras as exitosas xornadas no Valadouro, O Incio, A Pobra do Brollón, Burela, Guitiriz e Vilalba - Os participantes tiveron a oportunidade de practicar paddle-surf, camiñar sobre a auga nas bolas acuáticas ou experimentar a sensación de equilibrio nun simulador de surf - 5.000 persoas participaron gratis nas 5 edicións do Lugoteando, co que a institución luguesa desestacionaliza o turismo e ofrece unha nova alternativa económica

As actividades de lecer ecolóxico, gratuítas e para todos os públicos do Lugoteando da Deputación chegaron este domingo á área dos Robles, na capital lucense, e á Fonsagrada. Deste xeito, o organismo provincial dá por rematada a 5ª edición deste programa medioambiental que levou por todas as zonas da provincia (sur, centro, Costa e A Montaña) e na que participaron, a custe cero, un total de 800 persoas.

A choiva non impediu que ducias de persoas se achegaran hoxe ós Robles para gozar das actividades do Lugoteando. No caso da Fonsagrada, trasladáronse da praza do Concello, onde estaban inicialmente previstas, ó pavillón polideportivo da vila. Nenos e maiores participaron gratis en actividades totalmente respetuosas co entorno, como o paddle-surf; bolas acuáticas; canoas; simulador de surf, que permite experimentar dun xeito dinámico a sensación de surf e que serve para aprender os primeiros pasos do equilibrio nunha táboa grazas a unha corrente de auga; inchables ou longskate.

5.000 participantes nas 5 edicións
Esta programación da Deputación naceu xa hai cinco anos e está cofinanciada nun 80% por fondos europeos do Lug02. Dende entón, unhas 5.000 persoas de toda Galicia participaron  nas actividades, confirmando que o ocio medioambiental e o aproveitamento lúdico dos recursos fluviais e litorais son algunhas das maiores oportunidades económicas da provincia. A través desta iniciativa desestacionalízase o turismo e ofrécese unha nova alternativa para impulsar a economía. Hai que ter en conta que o feito de reunir a centos de persoas contribúe a potenciar os negocios da zona de distintos sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura...-, mantendo empregos, especialmente no rural, e axudando a frear a sangría demográfica para fixar poboación.