O Concello de Baralla recupera a normalidade dos servizos tecnolóxicos grazas ao InnovaTE da Deputación
A Deputación de Lugo facilitou a volta á normalidade dos servizos tecnolóxicos de Baralla nas instalacións do Centro Sociocultural do Concello, sede provisional dos servizos municipais tras a explosión dun artefacto na Casa do Concello o pasado día 2 de outubro, que afectou gravemente ao edificio impedindo o seu normal funcionamento. Para iso, os técnicos provinciais do programa InnovaTE instalaron as conexións e configuraron os equipos tecnoloóxicos necesarios para garantir a correcta atención ao cidadán nesta localización provisional. Unha vez garantida a normalidade de servizos nestas instalacións, os traballos continuarán esta semana na Casa Consistorial para poder reestablecer a normalidade o antes posible.
Baralla volveu ter Internet grazas á Deputación, tal e como destacou hoxe o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen informou de que a semana pasada os técnicos provinciais do InnovaTE conectaron o Centro á banda longa da Deputación. Así está asegurada a conexión de Internet do Concello e que os veciños de xeito que os veciños poden facer uso novamente dos servizos tecnolóxicos no seu municipio. A nosa colaboración seguirá aberta, como non podería ser doutra maneira, para que Baralla recupere canto antes a normalidade administrativa e operativa, subliñou Gómez Besteiro.
O Presidente tamén avanzou que, esta mesma semana, os técnicos do InnovaTE regresarán a Baralla para traballar na Casa do Concello, gravemente afectada polo artefacto explosivo do pasado 2 de outubro, onde farán unha análise das necesidades tecnolóxicas que permitan recuperar canto antes a normalidade.
O Concello de Baralla é un dos 49 Concellos lucenses adheridos ao InnnovaTE, un proxecto tecnolóxico posto en marcha pola Deputación e financiado nun 80% pola Unión Europea, que permitiu que os veciños deste Concello dispuxeran de acceso á administración electrónica ou sen papeis, de varios puntos de acceso wifi libre e gratuíto na Casa Consitorial e en prazas públicas, o que lle supuxo á entidade local un aforro conxunto duns 340.000 euros.