3 días para mercar produtos de calidade con descontos de ata o 80% na 5ª Feira Outlet
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Rosana Rielo, inaugurou este martes a 5ª edición da Feira Outlet. Trátase da tradicional cita, organizada pola Asociación de Autónomas e Empresarias en colaboración co organismo provincial, coa que se impulsan as vendas dos produtos de stock dos comercios da cidade de Lugo grazas ás importantes rebaixas aplicadas. Durante 3 días, lucenses e visitantes poderán mercar produtos de calidade con descontos de ata o 80%.
Polín, que tamén estivo acompañada dos comerciantes participantes, destacou a oportunidade que supón unha cita deste tipo, coa que se apoia á pequena e mediana empresa luguesa ao tempo que se dinamiza a economía local. A Feira Outlet adoita deixar uns beneficios medios de 100.000 euros en cada edición, o que supón uns 3.500 euros de media por comerciante. A Deputada tamén lembrou o apoio da Depuación a outras iniciativas de impulso ao sector, coma o Street Market ou a Noite Aberta.
32 comercios, centos de produtos e prezos reducidos
Un total de 32 comerciantes lucenses estarán presentes nesta nova edición da Feira Outlet. Estes porán á venda centos de produtos variados de stock a prezos considerablemente reducidos, con descontos dun 50% a un 80%. Zapatería, téxtil, xoiería, lencería, fogar, pel, agasallos, peiteado, cosmética, deporte e accesorios de mascotas, -novidade destacada nesta edición-, serán as mercadorías que se poderán adquirir, moitas delas de destacadas marcas.
Días e horarios de apertura
A mesma carpa que acolleu o Artesanfroilán cobixará tamén a 5ª Feira Outlet na Praza de Anxo Fernández Gómez, detrás do consistorio lucense. A feira estará aberta dende hoxe ata o xoves 16 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.