Deputación de Lugo

Aberto o prazo de inscrición para as II Xornadas de Bioconstrución sobre madeira estrutural da Deputación

Imaxe deputación de lugo
- A institución fixo unha achega de 4.000 euros para financiar estas xornadas que se celebrarán no Centro Sociocultural de Rábade entre os días 26 e 28 de setembro - As conferencias e obradoiros serán ofrecidas por expertos e investigadores na materia como José Antonio Meixide, Santiago Miguel Barrio e Miguel Nevado - O prazo de inscrición para esta actividade completamente gratuíta, dirixida a 140 participantes, xa está aberto na páxina web www.deputaciónlugo.gal.

A Deputación de Lugo aposta polas enerxías renovables a través das II Xornadas de Bioconstrución sobre Madeira estrutural, que terán lugar no Centro Sociocultural de Rábade entre os días 26 e 28 de setembro. A iniciativa, financiada pola Deputación con 4.000 euros, está destinada a 140 participantes que aprenderan a través de 14 charlas e 4 obradoiros a importancia desta fonte de enerxía renovable. O prazo de inscrición xa está aberto na páxina web www.deputaciónlugo.gal. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.

Nestas xornadas do Centro de Interpretación Terras do Miño, nas que colaboran Deputación, Asociación Espiga, Concello de Rábade e Asociación Galega para a Custodia do Territorio, os participantes aprenderán a través de profesionais e investigadores do sector campos como a extracción de madeira, xestión dos montes, historia do uso e tipoloxías das madeiras usadas en Galicia, así como todas as aplicacións e sistemas construtivos innovadores. O obxectivo destas xornadas é aumentar o uso da madeira estrutural en edificacións, xa non só dende o punto de vista da bioconstrución, senón por outros criterios como a durabilidade, a posta en obra e tempos de colocación, a beleza ou o confort térmico.
 

Programación do curso
A programación destas xornadas arranca o venres, 26 de setembro ás 16:30 horas no centro sociocultural de Rábade. Ó longo da tarde, os asistentes escoitarán a expertos como José Antonio Meixide, que falará sobre a Madeira producida en Galicia; Santiago e Luís Miguel Barrio, poñentes da charla Soria vive do bosque e as asociacións galegas de Custodia de Territorio e de Montes Veciñais en Mancomún.

O sábado 27 as conferencias comezarán ás 10:00 horas, coa conferencia Resistencia e durabilidade do eucalipto laminado, a cargo do experto Óscar Villapol. Durante esta xornada, que se estenderá ata ás 20:00 horas, 140 persoas poderán participar no obradoiro de obtención e usos da resina, a cargo da Asociación de Resineros de Tabuyo del Monte, de Astorga (León), ou a Manuel Touza, quen explicará as técnicas de intervención estrutural en edificios antigos con estruturas de madeiras. Durante este día, haberá 2 obradoiros familiares: Recoñecemento de Especies Arbóreas e Construción dun domo a pequena escala.

As actividades programadas rematarán o domingo e haberá actos entre as 10:00 horas e as 14:00 horas, nas que terán lugar conferencias como Propiedades da madeira: sistemas estruturais de madeira, Impulso da construción en madeira na Formación Profesional e por último, Deseño e Construción dun domo xeogéstico con madeira certificada Pinosoria.

O prazo de inscrición para esta actividade gratuíta xa está aberto na páxina web www.deputaciónlugo.gal onde se atopa a toda a información sobre a programación das II Xornadas de Bioconstrución sobre madeira estrutural. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.