Deputación de Lugo

Blindados os empregos de 40 traballadoras de limpeza coas primeiras cláusulas sociais dunha Deputación en España

- As cláusulas significan incrementos salariais de ata 374 euros ó ano, redución da xornada semanal ás 38 horas, ata 22 días retribuídos por matrimonio e 5 por nacemento de fillo, 14 de asuntos propios, entre outras melloras - Besteiro explica que as cláusulas sociais bloquean os abusos da reforma laboral do Goberno central, ó impedir convenios de empresas que non subroguen ó persoal, baixadas de soldos, redución de permisos ou aumento da xornada laboral - O Presidente agarda que Núñez Feijóo rectifique e tamén aplique as cláusulas sociais nos contratos da Xunta, tal e como se lle pediu no Parlamento

“Blindar os vosos postos de traballo e dereitos laborais, mantendo 40 empregos estables e de calidade; e mellorar as vosas condicións salariais e sociais”. Así resumiu o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, os novos contratos de limpeza de todas as dependencias do organismo provincial que foron asinados hoxe e que inclúen unha medida pioneira entre as Deputacións en España: cláusulas sociais, que bloquean os abusos da reforma laboral do Goberno Central.

A incorporación de cláusulas sociais nos pregos destes contratos garante a subrogación de todos os empregos, cunhas condicións laborais que melloran o convenio provincial do sector da limpeza. O Presidente explicou “por culpa da reforma laboral do Goberno Central, as empresas poden facer un novo convenio que se descolgue do convenio provincial do sector da limpeza. O que significaría: non subrogar ó persoal, despedilo para contratar outro novo, baixar os soldos, reducir permisos ou mesmo aumentar a xornada laboral. É dicir: empeorar as condicións”.

“Nós bloqueamos estes abusos. As empresas que traballen coa Deputación de Lugo, non só teñen que cumprir o  convenio provincial do sector da limpeza. Teñen que melloralo. En caso contrario, resolveremos o contrato. É dicir, blindamos os vosos postos de emprego, ademais de mellorar as vosas condicións salariais e sociais”, subliñou.  

Melloras das condicións
As leis autonómica e estatal obrigan a puntuar máis á oferta económica máis vantaxosa. Coas cláusulas sociais, a Deputación introduciu tamén a puntuación das melloras laborais con respecto ó convenio provincial de limpeza. Os 3 contratos asinados hoxe contemplan melloras, entre elas:

1.- Incrementos salariais que van desde os 62 euros ós 374 anuais.
2.- Facilidades para recibir calquera día do mes un anticipo de ata o 90% do salario mensual, sempre que exista unha razón xustificada. Ata o de agora, só é posible recibir o adianto 2 días antes.
3.- A xornada laboral non poderá exceder as 39 horas á semana. Unha empresa mesmo ofrece a redución dunha hora máis, ata as 38.
4.- O tempo de descanso diario é de 20 minutos, pero tamén hai algunha empresa que ofertou 30 minutos.
5.- Os días para asuntos propios ó ano son 11, pero de novo hai algunha empresa que ofertou ata 14.
6.- Os días retribuídos pola empresa por matrimonio son 18, pero algunha oferta chega ós 22 días.
7.- Os días retribuídos pola empresa por nacemento dun fillo son 3, pero algunha empresa chega a ofrecer 5.
8.- Coas cláusulas sociais as 40 traballadoras terán máis facilidades para conciliar a vida laboral e familiar. Por exemplo, algunha oferta contempla un banco de tempo recuperable de 96 horas anuais, que permite flexibilizar o horario de traballo; a concesión de 8 horas anuais para acudir a titorías de colexio dos menores de 16 anos; ou a ampliación a 20 horas anuais de permisos para acudir a consultas médicas.

160 empregos blindados
Besteiro anuncio que estas políticas progresistas non quedarán aquí. “Despois de blindar os empregos das 40 traballadoras que integrades o servizo provincial de limpeza, faremos o mesmo cos do servizo provincial de seguridade, conservación da rede viaria provincial, Centro de Atención ó Usuario, Goberno Intelixente ou co Barco Muralla, contratos nos que xa incorporamos cláusulas sociais, que beneficiarán a máis de 160 traballadores”.

O Presidente lembrou que tamén se levaron ó Parlamento galego as cláusulas sociais da Deputación para que a Xunta as incorporase nos seus contratos. “Inexplicablemente, atopámonos coa negativa do Goberno autonómico. Esperamos que o Executivo galego rectifique, porque existe outra forma de facer as cousas. A contratación pública é unha política pública máis coa que ofrecer solucións á cidadanía”, remarcou.

Besteiro pediu ás 40 traballadoras “un maior compromiso se cabe, porque tedes unha gran responsabilidade”, posto que, tal e como anunciou o Presidente, nun prazo de seis meses, a Deputación incorporará controis de calidade no servizo de limpeza e recollida selectiva de residuos.