Deputación de Lugo

A Deputación xa cumpriu nun 97% os investimentos en obras e servizos do Orzamento 2013

Imaxe deputación de lugo
- O organismo lugués destinou 81,4 millóns de euros á dotación e mellora de servizos e infraestruturas en tódolos Concellos lucenses, quedando dispoñibles 2,7, que tamén investirá no desenvolvemento da provincia   - A Deputada de Economía lamenta que o PP “utilice un ano máis datos tendenciosos e manipulados” para cuestionar o nivel de execución dos presupostos provinciais, cando é dos máis elevados entre as deputacións galegas

A Deputación de Lugo xa cumpriu nun 97% os investimentos en obras e servizos do Orzamento 2013, segundo se pode comprobar nos informes oficiais do servizo de Intervención do organismo lugués. Deste xeito, a Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, cualificou este xoves de “nova metedura de pata monumental” as declaracións do Partido Popular nas que, “un ano máis, utilizando datos tendenciosos e manipulados”, criticou o nivel de execución orzamentaria do pasado exercicio.
“Non é ignorancia a actitude coa que está a actuar día tras día o grupo provincial do PP, é de mala fe”, subliñou García Porto, pois “dunha análise seria e rigorosa dos datos do servizo provincial de Intervención conclúese que os investimentos que destinamos no 2013 para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas en tódolos Concellos lucenses ascenderon a 81,4 millóns de euros, entre o orzamentado e a incorporación de remanentes de anos anteriores, quedando dispoñibles 2,7, que tamén dedicaremos ó desenvolvemento da provincia”. 

Impulso económico e benestar social
Entre as inversións levadas cabo, Porto destacou “iniciativas vitais para o impulso económico da provincia e o benestar social, en especial do noso rural, como plans de emprego; o 1º centro de recría de gando público en España; a rede de residencias da terceira idade; o servizo de axuda no fogar, que Feijóo decidiu deixar de pagar; axudas ó tecido cultural e deportivo, que a Xunta ten totalmente abandonado; acceso á administración electrónica; plans de aforro enerxético para os Concellos; o Plan de Comunidades Veciñais ou o Plan de Obras e Servizos, ó que, por certo, o Goberno de Rajoy deixou sen un euro e agora temos que soster Deputación e Concellos”.
A Deputada de Economía lembrou que a de Lugo está á cabeza das Deputacións galegas cun nivel de execución orzamentaria máis elevado e avanzou, a tres meses de rematar o exercicio, que o porcentaxe se manterá ó peche de 2014. Ó mesmo tempo, mantense como a menos endebeda de Galicia, coa previsión de acadar o endebedamento financeiro cero no ano 2016. “Xa lle gustaría ó resto de deputacións galegas e á propia Xunta ter uns resultados económicos tan positivos”, recalcou García Porto.
“En caso de que o Partido Popular non saiba ler os datos ou teñan algunha dúbida, máis aló de manipulacións intencionadas, atenderémolos gustosamente para explicarlles todo e cantas veces sexan necesarias, a ver se así deixan de tratar de enganar ós lucenses, asegurou a Deputada.
García Porto preguntouse ó mesmo tempo se o PP de Galicia se mostrará tan preocupado por cuestionar o nivel de execución orzamentaria das restantes deputacións galegas, pois a de Pontevedra deixou no 2013 sen gastar 121,4 millóns de euros; e a da Coruña, 119,3 millóns, “ou soamente se preocupan pola de Lugo porque non está gobernada polo seu partido”.
“Están rabiosos porque non gobernan na Deputación”, sinalou a delegada de Economía, quen recordou que este Goberno provincial “está a saldar, unha a unha, todas as débedas históricas que os populares deixaron cos lucenses, como o pago da débeda do canon hidroeléctrico de Chantada, a transferencia dos hospitais, a posta en marcha dos parques de bombeiros, a construción da sede da UNED en Lugo ou a recuperación como patrimonio público de todos os veciños da provincia das pezas de Álvaro Gil, o Pazo de Tor ou o complexo de Augas Mestas”.   

O PP non traballa
García Porto asegurou así mesmo que o Partido Popular “non traballa, incumprindo coa labor seria de fiscalización que ten encomendada como oposición e pola que están cobrando máis de 150.000 euros ó ano 5 dos seus deputados”. “O PP dedícase a repetir cada ano os mesmos datos manipulados, como neste caso o referido sobre a execución orzamentaria ou os da débeda por habitante. Cren que unha mentira repetida mil veces se converte en realidade”, engadiu.