Deputación de Lugo

A Deputación propón ao Concello de Guitiriz unha comisión de traballo sobre as rúas do Mercado e Deputación

Imaxe deputación de lugo
 - Martínez enmarcou a proposta na vontade do organismo provincial de “colaborar cos Concellos e poñer sempre por riba de todo o interese dos veciños, a pesar de que a actitude municipal é entorpecedora” - Ademais de analizar a posibilidade de entregar ao Concello as obras executadas nestas vías, a Deputación está aberta a que o Goberno local plantexe na comisión un acordo extraxudicial para rematar cos contenciosos existentes   

A Deputación de Lugo remitiu esta mañá ao Concello de Guitiriz un escrito no que lle propón a constitución dunha comisión de traballo sobre as obras de mellora e acondicionamento acometidas pola institución provincial nas rúas do Mercado e Deputación, entre outros obxectivos, para abordar a posibilidade de entregar á entidade local ditos traballos. Así o deu a coñecer o voceiro socialista do Goberno provincial e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, quen enmarcou esta proposta na máxima vontade do organismo lugués de cooperar cos Concellos da provincia. “A pesar de que a actitude municipal dende o cambio de Goberno local foi a de rexeitar e entorpecer todas actuacións e investimentos da Deputación, nós poñemos por riba de todo o interese e o ben dos veciños, polo que insistimos en ofrecer diálogo para tratar de reconducir a situación”, subliñou Martínez.

O voceiro socialista explicou que a Deputación é a entidade que ten a competencia administrativa para decidir sobre a entrega destas obras, pois foron executadas e financiadas pola institución provincial. “Quen decide sobre a cesión é o titular do ben, o cesionario pode solicitalo, pero nunca impoñelo”, sinalou. De calquera xeito, engadiu, “en aras de favorecer a cooperación e mellorar as relacións co Concello polo ben dos guitiricenses, plantexámoslle a posibilidade de crear unha comisión de traballo para abordar a entrega das obras ao Concello, aínda que non temos ningunha obriga de facelo”.

A Deputación está tamén aberta a que o Concello propoña nesta comisión, se así o entende, un acordo extraxudicial que poña fin aos contenciosos existentes, sobre todo despois de que o Xulgado Contencioso número 2 de Lugo reprobase a actuación municipal na rúa do Mercado. O tribunal concluíu que usou de xeito indebido o procedemento de reposición de legalidade urbanística, incorrendo en “desviación de poder” e “fraude de lei”, lembrou Martínez.  

Así mesmo, no escrito remitido hoxe a Deputación pídelle ao Concello que aclare onde está o mobiliario que subministrou para a rúa do Mercado e que non se atopa neste espazo.