Deputación de Lugo

Aberto o prazo de inscrición nos existosos cursos de novas tecnoloxías para maiores do InLugo

Imaxe deputación de lugo
- Apenas unha hora despois de abrirse o prazo, ás 9:00 horas de hoxe, xa son 140 os inscritos nos cursos e obradoiros desta 3ª tempada, o que amosa que esta programación ten un enorme poder de convocatoria entre os lucenses máis veteráns - Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nestes cursos, que arrincan o vindeiro día 17 de setembro. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.gal ou no 982 225 186. A matrícula é totalmente gratuíta

A programación formativa de novas tecnoloxías para maiores da provincia, que organiza a Fundación TIC no Centro de Innovación Social InLugo, está a cumprir coas boas previsións e, unha vez máis, os maiores de 55 anos deixan patente o seu interese por estes cursos, que lles permiten aprender, por exemplo, a empregar as redes sociais, buscar información en Internet e comunicarse con familiares e amigos con facilidade e rapidez.

Así, apenas unha hora despois de abrirse o prazo, ás 9:00 horas de hoxe, xa son 140 as inscricións formalizadas nos cursos e obradoiros desta terceira tempada, ó que amosa unha vez máis que esta programación ten un enorme poder de convocatoria entre os lucenses máis veteráns. De feito, son os propios participantes os que solicitan que se programen novos cursos de iniciación, para moitos dos seus coñecidos que desexan aprender a manexarse coas novas tecnoloxías, así como outros de perfeccionamento para profundizar aínda máis nos contidos de cursos realizados en convocatorias anteriores.

Nesta ocasión, ademais, destacan novidades coma os obradoiros de televisión e radio, nos que os maiores aprenderán os segredos destes dous medios de comunicación, así como as titorías personalizadas. Con estas titorías, os participantes poderán resolver as súas dúbidas fóra do horarios dos cursos e aproveitar ó máximo a experiencia.

13 cursos e 7 obradoiros
Aínda quedan prazas libres nas 20 accións formativas programadas, que suman 232 horas. Os 13 cursos dispoñibles son:

  • Atréveste con Internet? Axudámosche
  • Manéxate coas novas tecnoloxías. Coñece o teu ordenador
  • Manéxate coas novas tecnoloxías. Coñece a túa tablet
  • O carteiro en Internet. Que é o correo electrónico?
  • Organízate co teu móbil
  • Avanza e coñece o que podes facer co teu smartphone
  • Descobre aínda máis o teu smartphone
  • Arquiva e retoca as tuas fotografías co ordenador/tablet
  • Que son as redes sociais? Descobre Facebook
  • Que queres ver e aprender en Internet? En Youtube atoparalo
  • Aproveitando e descubrindo ideas coas imaxes das redes sociais
  • Copia e xestiona os teus arquivos
  • Escribe no ordenador empregando un editor de texto

E por outra banda, os 7 obradoiros son os seguintes:

  • Obradoiro: Ximnasia mental coa tablet
  • Obradoiro: Mantemos en forma o cerebro coa Wii
  • Obradoiro: Exercicio mental co ordenador
  • Obradoiro: Movémonos e pensamos coa Xbox
  • Obradoiro: Xogamos co corpo
  • Obradoiro de televisión
  • Obradoiro de radio

Os interesados en participar, aínda poden facelo en www.deputacionlugo.gal ou no 982 225 186, onde tamén atoparán máis información sobre os propios cursos, datas e horarios. Coma sempre, a matrícula é totalmente gratuíta.