Deputación de Lugo

Publicadas na web da Deputación as primeiras listas de admitidos do Pacto polo Emprego II das zonas norte e sur

Imaxe deputación de lugo
- Trátase dos primeiros 120 beneficiarios das primeiras edicións de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais - O programa de inserción laboral da Deputación xerou tal interese que só para participar nestes catro primeiros cursos quedaron máis de 100 persoas en lista de espera - En datas vindeiras publicaranse novas listas de beneficiarios de novas accións formativas, das que os interesados poderán atopar información detallada na web www.deputacionlugo.gal

A Deputación de Lugo publicou na súa web www.deputacionlugo.gal as primeiras listas de beneficiarios do Pacto Provincial polo Emprego II. Trátase dos participantes nas primeiras accións formativas que darán comezo o vindeiro día 9 de decembro: catro edicións –dúas na zona norte e dúas na zona sur- dos cursos Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Estes son, pois, os primeiros 120 dos máis de 1.000 lucenses desempregados que se beneficiarán do Pacto provincial polo Emprego II. O interese xerado polo Pacto provincial polo Emprego II foi tal que, so nestes catro primeiros cursos, quedaron máis de 100 persoas en lista de espera.

Lugares, datas e horarios
As entidades encargadas de impartir estes primeiros cursos serán Cruz Roja, no caso dos de Atención a persoas dependendes en institucións, os cales se prolongarán ata finais de abril do vindeiro ano, e Norprevención nos de Atención a persoas no domicilio, que rematará no mes de xuño. Ambas entidades contan cun máis que recoñecido prestixio e ampla traxectoria e serán as súas sedes de Viveiro e Monforte de Lemos as que acollan a formación. Durante toda a formación específica estas empresas ofrecerán, ademais, titorías individuais sobre habilidades sociais como, por exemplo, o mellor xeito de presentarse a unha entrevista de traballo, redactar un bo currículum, poñer en marcha unha empresa, etc.

En canto aos horarios, estes serán de mañá e de tarde, de xeito que permitan ao maior número de persoas acceder a elas. O horario de mañá desenvolverase de 9:00 a 14:00 horas e o de tarde, de 16:00 a 21:00 horas.

Máis cursos
Xunto con estas que comezarán o vindeiro día 9 de decembro, a Mariña –zona norte- acollerá outras 15 accións formativas: outras 4 edicións de Atención socioanitaria a persoas no domicilio; outras 3 de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; 1 de Técnico de Transporte Sanitario; 2 de Operacións básicas de cociña; 2 de Operacións básicas de restaurante e bar; 1 de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e 2 de Asesoramento na función xerencial e o autoemprego.

Por outra banda, a zona sur luguesa acollerá outros 18 cursos: outras 4 edicións de Atención socioanitaria a persoas no domicilio; outras 4 de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; 1 de Técnico de Transporte Sanitario; 2 de Operacións básicas de cociña; 1 de Operacións básicas de restaurante e bar; 2 de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, e 4 de Asesoramento na función xerencial e o autoemprego.

Axuda económica
Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere este 75%  do IPREM.
En datas vindeiras publicaranse novas listas de beneficiarios de novas accións formativas, das que os interesados poderán atopar información detallada na web www.deputacionlugo.gal.