Deputación de Lugo

O exitoso curso de adestramento de cans Border Collie para pastoreo celebra en Outeiro de Rei unha nova edición

Imaxe deputación de lugo
- Adestramento de cans Border Collie de pastoreo  repite convocatoria pola gran demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector nas anteriores edicións - Alejandro Ibarra Artús será novamente o experto encargado de impartir este curso que terá lugar o vindeiro 13 de decembro de 9:30 a 13:30 horas e de 15:00 a 19:00 horas. Máis información e inscricións no 660 541 534 ou en victordagrelo@hotmail.com

A Deputación de Lugo convoca unha nova edición do curso de Adestramento de cans Border Collie de pastoreo, que se celebrará a vindeira fin de semana en Outeiro de Rei. A gran demanda e éxito que acadaron as edicións anteriores, nas que levan participado máis de 100 gandeiros chegados dende toda Galicia, así coma doutras comunidades, que acudiron cos seus cans para recibir formación específica en pastoreo, leva a institución provincial a colaborar de novo con esta iniciativa.

A raza Border Collie está especialmente indicada para o pastoreo de gando, polas súas peculiares aptitudes xenéticas, que facilitan enormemente o traballo dos gandeiros, permitindo que un pastor acompañado dun só can poida dirixir rabaños de ata 700 animais. Na provincia de Lugo, aproximadamente un 25% dos gandeiros conta con cans desta raza para labores específicas de condución do gando.

Novamente serán dúas convocatorias, os días 13 e 14 de decembro, abertas para 10 participantes en cada unha das sesións. Estas desenvolveranse en horario de mañá e tarde, de  9:30 a 13:30 e de 15:00 a 19:00 horas, e nelas predominarán os contidos prácticos. Proxectaranse vídeos explicativos das diferentes técnicas empregadas polos expertos para pastorear con esta raza de cans segundo as características o terreo, dos animais do rabaño ou ben do propio can, dos que os participantes obterán copias para facilitar os coñecementos recibidos.

O encargado de impartir este curso será novamente o experto navarro Alejandro Ibarra Artus, e os interesados en participar aínda poden facerse con algunha das prazas que restan por cubrir. Para inscricións e máis información poden contactar no teléfono 660 541 534 ou en victordagrelo@hotmail.com