Deputación de Lugo

A Deputación contrata mañá o 1º Plan de Conservación da rede viaria provincial con cláusulas sociais

Imaxe deputación de lugo
- Coas cláusulas sociais a Deputación blinda os empregos de 80 traballadores e acada melloras nas súas condicións salariais e laborais con respecto ao convenio estatal e sectorial - O Plan de Conservación suporá melloras de 13,4 millóns de euros na rede viaria provincial máis extensa de España con 4.200 quilómetros. O prazo de execución é de 4 anos

A Xunta de Goberno de mañá aprobará a contratación do 1º Plan de Conservación da rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros, que inclúe cláusulas sociais. Con esta medida, a Deputación consegue blindar os empregos dos 80 traballadores que atenderán as estradas, posto que as adxudicatarias teñen a obriga de mantelos durante todo o prazo de execución dos contratos, que é de 4 anos; ademais de mellorar as súas condicións salariais e laborais con respecto ao Estatuto dos Traballadores e ao convenio do sector, que é o de Edificación e Obras Públicas.

A incorporación de cláusulas sociais supuxo novos criterios de valoración en defensa dos dereitos laborais na adxudicación destes contratos. Por exemplo, puntuouse o número de traballadores indefinidos ou as melloras nas condicións laborais e salariais con respecto aos convenios estatal ou sectorial. Tal e como obriga a lexislación estatal e autonómica, a oferta económica puntuou moi significativamente, pero a Deputación non permitiu baixadas desproporcionadas ou anormais no prezo a costa de reducir en gastos laborais.

Coas cláusulas sociais, as empresas teñen o obriga de cumprir coas condicións laborais que ofertaron, é dicir, manter o número de traballadores, contratos indefinidos e soldos; así como manter condicións económicas e sociais previstas no Estatuto dos Traballadores e no convenio do sector da Edificación e Obras Públicas

13,4 millóns de euros
O prezo de contratación do Plan de Conservación é de case 11 millóns de euros. A este presuposto da Deputación engádense as melloras por valor de 2,4 millóns de euros que ofreceron e asumen as adxudicatarias. Isto supón que o investimento total para a conservación da rede viaria provincial ata 2018 sexa de 13,4 millóns.

Para acadar un servizo máis centralizado e eficaz, a Deputación ten distribuída a rede provincial en 8 zonas. Cada unha contará cun dispositivo mínimo formado por 10 traballadores e 28 máquinas, co seguinte orzamento:

  • Zona 1: 1.603.903 euros para a conservación de 530 quilómetros de vías nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
  • Zona 2: 1.547.077 euros para 618 quilómetros nos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
  • Zona 3: 1.582.983 euros para 668 quilómetros nos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
  • Zona 4: 1.545.131 euros para 680 quilómetros dos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
  • Zona 5: 1.500.732 euros para 332 quilómetros nos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
  • Zona 6: 1.474.493 euros para os 334 quilómetros dos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
  • Zona 7: 1.601.032 euros para os 313 quilómetros dos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
  • Zona 8: 1.544.412 euros para os 738 quilómetros dos Concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

Como en ocasións anteriores, as zonas que reciben máis recursos son aquelas que, polas súas especiais condicións orográficas e climatolóxicas, requiren unha maior atención e, polo tanto, un maior esforzo de medios e persoal.