Deputación de Lugo

Arranca o Dinamíza-TE, o programa en impulso de 300 autónomos e PEMES lucenses

- O proxecto de Deputación e EOI inclúe unha diagnose das necesidades e oportunidades dos negocios, a elaboración dun plan de mellora e asesoramento técnico continuado - Un equipo de profesionais determinarán novas áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación de clientes, melloras informáticas ou estratexias de márketing dixital

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha o Dinamíza-TE, o programa conxunto coa Escola de Organización Industrial (EOI), que ofrece aos 300 autónomos e PEMES lucenses que se sumaron a esta iniciativa asesoramento gratuíto e personalizado para impulsar e facer máis competitivos os seus negocios.

Un equipo de profesionais realiza agora unha diagnose sobre as necesidades e oportunidades de cada un dos establecementos participantes. Con esta información, elaborarán un plan de mellora específico en materia de novas tecnoloxías, xestión comercial e márketing dixital para, cuxo desenvolvemento, seguirán a prestar apoio técnico individualizado a autónomos e PEMES.  

Por exemplo, proporán solucións software de negocio (implantación de infraestruturas TIC ou ferramentas de produtividade, facturación, contabilidade...); determinarán liñas de actuación na xestión de mercados e clientes (novas áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación e fidelización de clientes, medios de promoción online...); ou farán unha avaliación de páxinas web, posicionamento nas redes sociais ou reputación online.

Beneficios
O Dinamíza-TE busca aportar ás microempresas e autónomos participantes os seguintes beneficios: impulsar a distribución des produtos, acceder a novas mercados nacionais e internacionais, incrementar e fidelizar os clientes, mellorar os negocios a través da percepción dos propios usuarios, o posicionamento dos produtos no mercado, a eficiencia da súa organización con solucións informáticas innovadoras, entre outros.