Deputación de Lugo

O BOP publica hoxe as cláusulas que rexen a venda de 150.000 accións do Club Deportivo Lugo

Imaxe deputación de lugo
- Os compradores non poderán deslocalizar o clube e deberán manter a súa identidade lucense, conservando na súa denominación o nome de Lugo - A Deputación sae definitivamente do accionariado do CD Lugo, no momento en que o propio clube llo solicitou e logo de acudir na súa axuda, sempre baixo a premisa de que “unha administración non pode ser propietaria de clubes deportivos profesionais”

O BOP publica hoxe o prego de cláusulas administrativas que rexe o proceso de venda de 150.000 accións do Club Deportivo Lugo. 90.000 son propiedade da Deputación e 60.000 do Concello de Lugo, estas últimas con base na encomenda de xestión aprobada polo Pleno municipal do 1 de decembro.  

O paquete de accións ten un valor de 1.500.000 euros, equivalente ao 49,47% do capital social do clube (o 29,68% correspondente á participación da Deputación e o 19,79% do Concello lugués).

O sistema de enaxenación é o de concorrencia competitiva mediante concurso, posto que este é o único que pode ser condicionado, é dicir, no que a lexislación permite establecer determinadas limitacións e requisitos que os futuros compradores deberán cumprir.

Entre estas limitacións están, por unha banda, esixir que o futuro proxecto impida o risco da deslocalización do clube e, por outra, que asegure que, en calquera caso, este sempre manterá a súa identidade lucense, conservando o nome de Lugo.

No concurso valoraranse outros criterios non puramente económicos como, por exemplo, que o proxecto deportivo do comprador ou compradores manteña un elevado nivel de implicación co fútbol base, apostando pola canteira, ou que este permita a participación cidadá e busque a maior implicación posible de toda a sociedade lucense co CD Lugo

Saída definitiva do accionariado
Con este proceso, a Deputación sae definitivamente do accionariado do CD Lugo cando o propio clube así llo solicitou ante o bo momento que está atravesar. O Goberno Provincial acudiu na súa axuda cando non tiña posibilidades económicas, mercando un paquete de accións que ninguén quixo co fin de que se mantivese na Segunda División. Para elo, en maio do ano pasado, o organismo provincial aprobou nun Pleno Extraordinario conceder unha aportación excepcional de 900.000 euros ao Club Deportivo Lugo. Este compromiso tivo dende o primeiro momento data de caducidade, posto que o Goberno Provincial mantén que “unha administración non debe ser propietaria de clubes deportivos profesionais”.