Deputación de Lugo

O Plan Estratéxico de Subvencións destina 11,3 millóns de euros a emprego, infraestruturas e políticas sociais

- A Deputación responde con este plan, aprobado polo Pleno, ás prioridades dos máis de 55.000 veciños que tomaron parte na elaboración dos Orzamentos Participativos - Actividades de fomento dos sectores produtivos da provincia, colaboracións coa Universidade ou servizos sociais e de dependencia son só algunhas das necesidades que o organismo provincial cobre con PES

A Deputación de Lugo aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) para o ano 2015, dotado de 11.326.265 de euros, destinados fundamentalmente a emprego, infraestruturas e políticas sociais, as tres prioridades de actuación que marcaron os máis de 55.000 veciños que tomaron parte na elaboración dos Orzamentos Participativos, os primeiros dun organismo provincial en España.

O plan foi aprobado, cos votos a favor do PSdeG e o BNG, e a abstención do PP, no último Pleno provincial do ano, co que entrará en vigor neste mes de xaneiro, o que cumpre tamén cunha das peticións manifestadas por moitos veciños nas xuntanzas participativas, sobre todo polos representantes de asociacións e entidades sen ánimo de lucro, pois deste xeito poden ter dende primeiros de ano unha previsión dos fondos cos que contarán para desenvolver as súas actividades.

A Deputación de Lugo achegará 4 millóns de euros para emprego a través do PES, ao que lle hai que engadir, entre outras, a partida de 6 millóns contemplada nos Orzamentos para unha segunda edición do plan Ben Empregado!

No Plan Estratéxico de Subvencións destínanse fondos para potenciar os principais sectores da provincia -gandería, agricultura, agroecoloxía, pesca e artesanía, así como o empresarial-que suman máis de 3,6 millóns de euros. Dento desta partida, inclúense as axudas a confrarías de pesadores da provincia, plans e actividades de fomento do tecido empresarial, así como colaboracións con ACRUGA ou a Feira do Gando de Pedrafita, a Festa do Emigrante de Pol, a Feira de Artesanía, Mobles e Antigüidades de A Pontenova ou o Expogrelo de Abadín.

A institución provincial fomenta tamén o emprego e a formación, achegando en axudas preto de 293.000 euros. Neste bloque inclúense as colaboracións cos Máster en Prevencións de Riscos Laborais, o de Dirección de Recursos Humanos, ou as colaboracións coa Universidade de Santiago de Compostela, para grupos de investigación.

Por outra banda, dos 11 millóns de euros, 3 millóns son para infraestruturas. Para a creación de novas dotacións públicas municipais, como por exemplo instalacións deportivas, culturais, patrimoniais, ou novos equipamentos para a promoción turística, aforrando cartos aos Concellos da provincia.

Finalmente, para políticas sociais destínanse preto de 4 millóns de euros. Neste área, inclúense axudas a colectivos que participaron na elaboración do orzamento para o 2015, como por exemplo Alzheimer Chantada, Aspnais, Raiolas ou Cogami A Mariña; servizos de dependencia, así como igualdade e inserción de sectores en risco de exclusión social.

Orzamentos Participativos 2015
O Plan Estratéxico de Subvencións forma parte do Orzamento provincial do 2015, que se mantén nos 89,4 millóns de euros do 2014 e aséntase sobre tres piares: emprego, infraestruturas e políticas sociais porque así o decidiron os máis de 55.000 veciños que deron a súa opinión.

A Deputación destina 6,6 millóns a emprego, 370 veces máis que cando gobernaba o Partido Popular, o que contrasta tamén o peso que lle da a estas políticas o Goberno central e o da Xunta.

As partidas para infraestruturas suman 11,5 millóns de euros, na que se inclúen: o Plan de Obras e Servizos; un Plan de Infraestruturas Veciñais; o Plan de Conservación dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais; e o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM).

O orzamento de Benestar Social increméntase o vindeiro ano un 30%, pasando de 3,4 millóns de euros do 2014 a 4,5 millóns. Dentro das partidas destinadas a Benestar Social destaca a dirixida a Prestación de servizos a persoas dependentes e asistencia social, que alcanza practicamente os 3 millóns de euros, destinados a manter servizos como o de Axuda no Fogar e Teleasistencia, así  a construción e posta en marcha de 6 residencias de maiores en toda a provincia: Ribadeo, Castroverde, Trabada, Fonsagrada, Pedrafita e Pol.