Deputación de Lugo

Comezan os obradoiros infantís de Nadal do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
- Os cursos, que serán impartidos por recoñecidos mestres artesáns da provincia, están dirixidos a nenos de 5 a 15 anos e terán lugar no pavillón 4 e 5 do CENTRAD - A iniciativa conta con 90 prazas gratuítas, das que un 15 % están dirixidas a rapaces con necesidades especiais, e ofrece obradoiros de traxes rexionais ou instrumentos entre outros - Os obradoiros están repartidos en dúas quendas: a primeira os días 22,23 e 26 de decembro, e a segunda os días 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro en horario de 9:00 a 14:00 horas

Comezan os cursos infantís do CENTRAD co que 90 nenos e nenas da provincia se converterán de xeito completamente gratuíto en pequenos artesáns durante uns días. Os obradoiros, que serán impartidos por mestres artesáns, están dirixidos a rapazas e rapaces de entre 5 e 15 anos e terán lugar no pavillón 4 e 5 do Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación en horario de 9:00 horas a 14:00 horas. Esta iniciativa, que se celebra xa por terceiro ano, fomenta entre os máis pequenos o valor do sector artesán ao tempo que crea conciencia sobre a importancia dos traballos tradicionais no eido cultural, non só da provincia, senón do país.

Os obradoiros, que xiran en torno a cinco disciplinas artesanais: traxes rexionais, estampas de cor, instrumentos musicais, tapicería e cestería, celébranse en dúas quendas; 22, 23 e 26 de decembro a primeira, e o 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, a segunda.. Esta iniciativa conta ademais con prazas reservadas para rapaces con necesidades especias, que terán tamén un monitor de apoio no transcorrer das actividades

Programación dos obradoiros de Nadal
Na primeira quenda, para nenos de 5 a 7 anos, impartirase o curso Adornando o Nadal da man da artesá, Dolores Palacios. Por outra banda, ofrecerase a actividade Estampas de cor, dirixido a rapaces de entre 8 e 10 anos e a cargo de Alfonso Rodríguez e Diego López. Posteriormente, Luciano Pérez será o coordinador do obradoiro “Caixa de música-zanfona”, para mozos de entre 11 e 15 anos. Por último, os rapaces de 5 a 7 anos realizarán diversos xogos e actividades, mentres que os mozos de 8 a 15 anos modelarán unha zanfona baixo a dirección do lutier Antonio Franco.