Deputación de Lugo

A Deputación aproba 237 axudas de 1,7 millóns en impulso do sector primario e do rural

Imaxe deputación de lugo
- En resposta ás peticións veciñais, a institución amplía as actividades obxecto de subvención e incrementa o orzamento do plan para 2015, que porá en marcha xa en xaneiro - O Presidente asinará nos vindeiros días cos herdeiros de Álvaro Gil o contrato para a recuperación das 40 pezas de ourivería no Museo Provincial - A Xunta de Goberno aprobou un investimento de 100.000 euros para a recuperación da Casona do Incio e melloras en rutas de sendeirismo de 171.000 de fondos europeos

A Xunta de Goberno este venres resolveu o plan en impulso do sector primario e do rural da Deputación, concedendo un total de 237 axudas por valor de 1,7 millóns de euros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que en xaneiro o organismo provincial porá en marcha a programación do 2015, incrementando en 500.000 euros o seu presuposto e ampliando as actividades obxecto de subvención, en resposta ás peticións veciñais nas xuntanzas participativos. Serán axudas de 2,2 millóns de euros para a recuperación de terras abandonadas, pesca de baixura, horticultura, producción de viño, infraestruturas veciñais, centros sociais ou traídas de auga.
 
As subvencións resoltas na sesión de hoxe distribúense do seguinte xeito:  

- 114 para a recuperación de terras abandonadas. A axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir un máximo de 9.000 euros. Os beneficiados son gandeiros e agricultores a título individual, ou ben agrupacións, SAT ou personas xurídicas que teña titularidade de explotacións. Estes deberán ter a parcela a produción durante un período mínimo de dous anos. No caso de incumprir este requisito, perderán a axuda. Ademais, terán que xustificar, achegando a declaración da renda, que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria co fin de conceder estas axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo. “Somos a primeira Deputación galega que ofrece este tipo de axudas. Facémolo, tendo en conta que a superficie agraria abandonada en Galicia aumentou, na última década, en máis dun 66%, sobre todo na provincia de Lugo. Hoxe, o 80% do territorio galego está sen poñer a producir”, subliñou o voceiro.

- 43 para traídas de auga. Destas, 19 son para novas instalacións, sendo a axuda máxima de 30.000 euros, e 24 para melloras nas existentes, sendo o límite 10.000 euros. Os beneficiados son comunidades de montes ou de usuarios, así como asociacións de veciños. Nos criterios de valoración, priorizouse o número de usuarios que se dedicen á actividades agropecuaria con fin de axudar ó sector primario.

- 80 para o acondicionamento de estruturas de uso comunitario. Por exemplo, arranxo de camiños, fontes, bebedeiros, depósitos de incendios ou sistemas de regadío comunitario. O máximo por beneficiario é de 12.000 euros.

A vindeira semana, o BOP publicará a listaxe de beneficiados, que tamén se poderá consultar en www.deputacionlugo.gal.

Colección de Álvaro Gil
A sesión aprobou a adxudicación do contrato para a subministración de 40 pezas da colección de ourivaría de Álvaro Gil. Nos vindeiros días, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, asinará este contrato cos herdeiros do mecenas. Posteriormente, no prazo de 7 días, a pezas voltarán ao Museo Provincial. Martínez salientou que “solventamos outra débeda do Partido Popular, que durante 15 anos mantivo mortas as negociacións coa familia, conseguindo que esta colección pase a ser patrimonio de todos os lucenses”.

Casona do Incio
A Xunta de Goberno acordou unha achega de 100.000 euros á Sociedade Urbanística Provincial para a execución do proxecto de reedificación da Casona do Incio, solicitado polos veciños. “Outro marroncito do Partido Popular, que deixou abandona esta edificación”, indicou Martínez.

Rutas de sendeirismo
A Xunta de Goberno aprobou a contratación de obras de mellora en rutas de sendeirismo situadas nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses por valor de 171.155 euros, procedentes do Lug02, o programa medioambiental da Deputación en impulso destes espazos naturais, que financia a Unión Europea nun 80%. Martínez destacou que “estes traballos complementan os executados noutras 12 rutas de sendeirismo, nas que arranxamos un total de 82 quilómetros, con outros 130.000 euros do Lug02”. As rutas xa recuperadas son: Paseo do río Rato (3,10 quilómetros), ruta de Lugo ó Piago (14,40 quilómetros) e ruta da Fervenza (15 quilómetros), as tres situadas no Concello lugués; Insuas do Miño (5,10 quilómetros) en Outeiro de Rei; ruta da Seimeira (3,10 quilómetros) na Pontenova; Retorta (5 quilómetros) e Penedo da Forca (3,20 quilómetros) en Navia de Suarna;
ruta de Castelo a Igrexa de Donís (2,98 quilómetros) e de Castelo a Moreiras (4,37 quilómetros) en Cervantes; Queixoiro (6,40 quilómetros), Villardiaz-San Andrés (8,30 quilómetros), e ruta dos Puintores (11 quilómetros) na Fonsagrada.