Deputación de Lugo

Clausurada a segunda edición de Galicia en clave económica cunha análise sobre os sete anos de crise

- Gómez Besteiro pechou este ciclo de debates abertos ao público e de acceso gratuíto, organizado pola Deputación e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, co fin de analizar a realidade socioeconómica de Galicia e as súas potencialidades -Tres expertos en economía: Fernando González Laxe, Santiago Lago Peñas e Xaquín Fernández Leiceaga, encargáronse de analizar o impacto e as consecuencias desta crise, a máis duradeira do capitalismo tras a Gran Depresión - A Fundación TIC ocupouse, ao igual que nas anteriores xornadas, da retransmisión en directo do encontro en streaming, a través da web www.deputacionlugo.gal

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, pechou este xoves a segunda edición do ciclo de debates Galicia en Clave Económica organizado pola institución provincial e Economía Dixital, en colaboración co Grupo El Progreso. Trátase dun conxunto de xornadas abertas ao público e gratuítas, que dende o pasado ano vén xuntando aos mellores expertos para analizar a realidade socioeconómica de Galicia e as súas potencialidades.

Balance de sete anos de crise foi o derradeiro debate desta edición, no que se someteu a análise, dende diferentes puntos de vista, o impacto e as consecuencias dos sete anos de crise; a máis duradeira do capitalismo se se exceptúa a Gran Depresión dos anos 29.

Durante a apertura do encontro, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e ao que tamén asistiu o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Director de Economía Digital, Juan García, e o xornalista especializado en economía deste medio Julián Rodríguez; o Presidente recalcou que “na grave coxuntura que vivimos, que parece alongarse demasiado no tempo e que necesita respostas inminentes e contundentes para poder saír fortalecidos. Ninguén se pode quedar atrás”. A Deputación contribúe traballando a diario en políticas dirixidas a reactivar o mercado laboral, “xa que máis de 24.680 lugueses se atopan actualmente en situación de desemprego”, lembrou Gómez Besteiro, ao tempo que sinalou a aposta da Deputación por un “emprego estable e de calidade”.

O Presidente tamén apuntou que “a fuga de cerebros preocupa á Deputación. Ante o simplismo de certas solución doutras administracións, avogamos porque o talento xuvenil galego fique na casa. Non nos podemos permitir que se vaian as xeracións encargadas de achegar os relevos xeracionais e laborais que tanto necesitamos”.

3 expertos en economía para dar conta da crise
Na xornada, na que se deu conta da situación actual e do posible inicio de recuperación, participaron tres expertos en economía: Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta de Galicia e de Portos do Estado e Catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña; Santiago Lago Peñas, Catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e director do Foro Económico de Galicia e Xaquín Fernández Leiceaga, Doutor en Ciencias Económicas e director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago.

A Fundación TIC ocupouse, como nas anteriores xornadas, de retransmitir en directo a xornada a través da páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal

Por toda a provincia
O ciclo Galicia en clave económica recorreu nas dúas edicións toda a xeografía luguesa para analizar o futuro económico de Galicia. Neste 2014 os debates tiveron lugar en Lugo, Viveiro, Ribadeo, Vilalba, Monforte de Lemos, Chantada e A Fonsagrada; onde se abordaron temas tan problemáticos como a sangría demográfica ou o incerto futuro do sector forestal, así como outros asuntos como o desenvolvemento da marca Galicia ou os retos do turismo e do sector vitinícola.