Deputación de Lugo

A Deputación esixe ao PP que rectifique xa a “cadea de disparates” que di sobre os Orzamentos Participativos

Imaxe deputación de lugo
- Á maioría dos veciños contestóuselles por correo electrónico, con custe cero para a administración, que só tivo que enviar cartas por correo postal por un valor de 3.500 euros para responder aos cidadáns que escolleron este sistema - “A falta de rigorosidade da voceira popular, como volve a demostrar neste caso, provoca a feble situación na que se atopa dentro do seu propio partido”, subliña a Deputada de Economía

A Deputación de Lugo esixe unha rectificación pública e inmediata ao PP provincial pola “cadea de disparates que está a dicir sobre os Orzamentos Participativos, o último, en relación ao custe das cartas enviadas aos veciños que tomaron parte neste proceso”. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, demandou á voceira provincial do Partido Popular “que deixe de obstaculizar dunha vez este procedemento de participación sen precedentes entre as deputacións españolas, e que deixe tamén de poñer excusas para que os veciños non participen”.

García Porto explicou que os primeiros Orzamentos Participativos dunha Deputación en España “contemplan a obrigada resposta aos veciños e asociacións participantes e ás súas propostas”.

A resposta realizouse de tres formas diferentes: por correo electrónico, que foi a principal canle de comunciación escollida polos participantes, e con custe cero no proceso de resposta; a través das propias asociacións veciñais; e directamente aos veciños que fixeron propostas a título individual.

Polo tanto, responder a través da primeira canle tivo custe cero para a administración provincial, que só tivo que enviar cartas por correo postal por un valor de 3.500 euros para responder aos veciños que escolleron este sistema.

Deste xeito, “a disparatada cifra de 156.000 euros dada polo PP volve responder á desinformación absoluta  e falta de rigorosidade demostrada pola voceira do Partido Popular, cuxa credibilidade e solvencia política está en dúbida dentro do seu propio grupo e provoca a feble situación na que se atopa no seu partido, algo que é vox pópuli”, subliñou Pilar García.

Contestación ás propostas veciñais, punto por punto
“As prácticas demócratas, que brillaban pola súa ausencia na Deptuación de Lugo co Goberno popular, esixen responder aos veciños cando se dirixen á administración”, asegurou a Deputada, quen recalcou que as propias bases dos Orzamentos Participativos “parten de que os veciños da provincia fan propostas e teñen que ser informados en tempo e forma de cada unha delas. Non son cartas electoralistas, son cartas nas que a institución contesta, punto por punto e de xeito argumentado, se as propostas veciñais son admitidas ou non, por que, e en que prazo se levarán adiante”.

“Entendemos que a democracia e o Partido Popular son antagónicos e recomendámoslle ao señor Barreiro e a súa tropa que empecen a aplicar a democracia dentro das súas filas, o que lles evitaría moitos espectáculos públicos como os que están dando”, afirmou García Porto.

Para a Deputación, o que teñen que facer os populares “é tomar nota e perderlle o medo a que o cidadán vote. Aplicalo no seu partido e alí onde gobernan”.

A Deputada de Economía lembrou que a propia Federación de Asociacións de Veciños de Lugo lle pediu ao PP “que rectificase as manifestacións nas que asegurou que este procedemento de participación é fume”. García Porto sinalou tamén que “estamos recibindo felicitacións dos veciños e numerosas consultas doutras administracións galegas e españolas que queren seguir por este camiño de transparencia e mellora da calidade democrática que abriu a Deputación de Lugo”.