Deputación de Lugo

Produtos autóctonos, pratos vangardistas e sabores da Ribeira Sacra, na cuarta xornada do Showcooking da Deputación

Imaxe deputación de lugo
- O restaurante Manuel Bistró de Monforte acolle hoxe o obradoiro de cociña, onde os participantes elaborarán un menú tradicional cun toque moderno que inclúe a preparación de sardiñas aromatizadas, lingote de lacón ou arroz con leite - A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02, pretende mostralles aos asistentes, a través de xornadas gratuítas de cociña, “o potencial turístico da cociña de proximidade”

A Deputación de Lugo celebra este mércores en Monforte de Lemos a cuarta xornada do Showcooking Cociña Autóctona, o novo proxecto posto en marcha polo organismo provincial que busca potenciar a comercialización e o consumo dos productos propios da provincia luguesa, ao tempo que favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico.

Nesta ocasión, a cita terá lugar esta tarde no Restaurante Manuel Bistró co chef Manuel aos fogóns, quen se encargará de amosarlle aos participantes a combinación da cociña máis vangardista, empregando produtos autóctonos e os sabores da Ribeira Sacra, co saber facer da cociña tradicional. Durante a masterclass, os asistentes aprenderán a elaborar  un menú completo que inclúe aperitivos, entrantes, un prato e postres. En todos os pratos, o chef optou por polo tradicional, pero cunha revisión moderna. Así, en primeiro lugar, os participantes elaboraron de aperitivo un combinado de ovos, beicon, patacas fritas, pincho e ensalada. De entrada, Manuel propón sardiña aromatizada con escamas de aceitunas negras e migas de pan tumaca para logo dar paso ao lingote de lacón con chorizo, grelos e cachelos. De postre, o chef opta pola elaboración dun arroz con leite, dándolle unha volta á receita tradicional do mesmo xeito que fixo nos pratos previos.  

Ao igual que nos anteriores obradoiros, os produtos cos que se elaborarán os pratos son de empresas da zona, co fin de axudar ao desenvolvemento da Comarca. Neste caso, Cárnicas Teijeiro de Sarria proverá ao restaurante dos produtos cárnicos necesarios para a composición do menú e a Adega Algueira os viños para acompañalo.

Este é o cuarto obradoiro do Showcooking Cociña Autóctona, tras as clases de “cociña de proximidade” que se celeraron na Fonsagrada, Monforte e Cervantes. Trátase dun concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se tratará de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a súa calidade e a exclusividade en cada zona para impulsar o sector. Para a vindeira semana, o Showcooking Cociña Autóctona chegará á Mariña e á Terra Chá, onde se empregarán, ao igual que o resto das xornadas, produtos autóctonos, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com Estas xornadas de cociña gratuítas continuarán durante todo o mes de febreiro.