Deputación de Lugo

Acondicionadas preto do 100% das estradas provincias da Deputación afectadas por neve e xeo

Imaxe deputación de lugo
- A esta hora soamente se rexistran incidencias na estrada LU-P-4501 ao seu paso pola zona de Teixiera e na LU-P-1401, en Cervantes, circúlase con dificultade sendo necesario o uso de cadeas

O dispositivo de Inverno posto en marcha pola Deputación acondicionou preto do 100% das estradas provinciais afectadas polas precipitacións caídas en forma de neve nos últimos días e o xeo, que novamente nesta xornada afectou a máis de 100 estradas da rede viaria provincial nas que traballan de xeito continuo máis de 100 operarios e de 50 máquinas.

A esta hora soamente se rexistran incidencias na estrada LU-P-4501 ao seu paso pola zona de Teixiera e na LU-P-1401 en Cervantes, da LU-723, por Degrada e Piornedo, ao límite provincial, por onde se circula con dificultade, sendo necesario o uso de cadeas. A pesar disto, recoméndase circular con precaución debido a que, segundo as previsións oficiais, continuará nevando ao longo do día de hoxe.

As vías máis afectadas na xornada de hoxe foron as que discorren polos Concellos de Baleira, Folgoso do Courel; Cervantes; A Fonsagrada; O Incio; Meira; Navia de Suarna; Negueira de Muñiz; As Nogais; Ourol; Pedrafita do Cebreiro; A Pobra do Brollón; Quiroga; Ribas de Sil; Ribeira de Piquín; Samos; Taboada e Triacastela. De feito, nalgúns tramos da rede viaria comprendida nos Concellos da Montaña, como A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro ou Folgoso do Courel, a neve acumulada superou os tres metros.