Deputación de Lugo

Aluvión de solicitudes para optar aos 248 contratos do Ben Empregado!

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación reforzou os departamentos de Rexistro, Atención ao Cidadán e Emprego para atender ás ducias de persoas que dende primeira hora se interesaron polo plan de emprego ou presentaron a documentación para anotarse- A expectación xerada quedou tamén de manifesto na páxina web, que entre onte e esta mañá recibiu máis de 6.000 visitas, un 50% máis do habitual - O prazo para inscribirse estará aberto ata o 3 de marzo. Os interesados teñen a información sobre como facelo, que documentación deben presentar e os requisitos que teñen que cumprir no Boletín Oficial da Provincia e en www.deputacionlugo.gal

A apertura do prazo para optar a un dos 248 contratos do plan Ben Empregado! provocou un aluvión de solicitudes dende primeira hora deste luns. A Deputación abriu unha oficina de Rexistro nas aulas de formación da entidade, a maiores das dependencias habituais, e reforzou con 10 persoas máis este departamento e os de Atención ao Cidadán e Emprego para atender ás ducias de persoas que se interesaron polo novo plan de emprego ou presentaron a documentación para anotarse.
A gran expectación xerada tamén quedou de manifesto nas visitas da páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.gal, que soamente entre onte e esta mañá recibiu máis de 6.000 entradas, un 50% máis do habitual.
O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 3 de marzo. Os interesados teñen toda a información sobre como facelo, que documentación deben presentar e os requisitos que teñen que cumprir no Boletín Oficial da Provincia e na web da Deputación. As condicións básicas son: ser maior de 16 anos; estar empadroado en calquera dos 67 municipios da provincia e inscrito na correspondente oficina de emprego; e ter a capacitación ou titulación requirida para o posto de traballo que solicita. Cada candidato pode optar a un máximo de dous perfís, que debe incluír na solicitude por orde de preferencia.
Os prazos
Entre o 4 e o 14 de marzo terá lugar o proceso de selección dos candidatos, que consistirá na valoración de méritos e o currículo, e nunha entrevista. O día 16 publicarase a lista de persoas seleccionadas e comunicaráselle ás empresas e organizacións beneficiarias o traballador ou traballadores que lles foron asignados. As propias entidades ocuparanse da súa contratación, cumprindo coa modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude da axuda. O contrato deberá formalizarse entre os días 23 e 27 de marzo.