Deputación de Lugo

A Deputación empregou 1.500 toneladas de sal nos últimos cinco días para garantir a circulación nas estradas provinciais

Imaxe deputación de lugo
- Activou esta semana un dispositivo de máxima intensidade debido á alerta e despregou 102 operarios e 52 máquinas para atender as posibles incidencias, increméntandose nalgún día ata os 112 operativos e 62 máquinas - A neve acumulada nalgúns Concellos da Montaña foi de tal intensidade que superou os 3 metros, a altura das balizas de sinalización - A esta hora o operativo continúa a traballar, permanecendo pechadas as estradas LU-P-3601 na Fonsagrada, a 3502 e 3508 en Navia de Suarna, a 4501 no Courel e a 1405 en Cervantes. Na LU-P-1401 en Cervantes recoméndase o uso de cadeas

O dispositivo de Inverno posto en marcha pola Deputación nesta semana empregou 1.500 toneladas de sal nos últimos cinco días para garantir a circulación nas estradas provinciais afectadas polas precipitacións caídas en forma de neve nos últimos días e o xeo.

O organismo provincial despregou 102 operarios e 52 máquinas para atender as posibles inidencias en toda a rede viaria da provincia, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros, incrementándose nalgunha xornadas ata os 112 operarios e 62 máquinas. “O noso dispositivo traballou en todas as estradas da provincia, salvo nas dos concellos con mar, xa que non foi necesario, actuando incluso nalgunha que non é da nosa competencia, como por exemplo en Mondoñedo, onde as máquinas da Deputación despexaron de neve os últimos días unha pista para que un veciño do municipio recibira a súa medicación”, sinalaba o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez.  “Non houbo ningún pobo incomunicado máis de 6 horas e os teléfonos de Vías e Obras estiveron, están e estarán operativos 24 horas para atender as posibles solicitudes de axuda”.

“Nos últimos dez anos non se recorda unha nevarada como esta”, destacaba Martínez, ao tempo que lembraba que nalgúns tramos da rede viaria comprendida nos Concellos da Montaña, como A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro ou Folgoso do Courel, a neve acumulada superou os tres metros, a altura das balizas de sinalización.

Arestora, o operativo continúa a traballar nas estradas provincias, permanecendo pechadas a LU-P-3601 na Fonsagrada, a 3502 e 3508 en Navia de Suarna, a 4501 no Courel e a 1405 en Cervantes. Na LU-P-1401 aconséllase o uso de cadeas. A pesar disto recoméndase circular con precaución, sobre todo nas zonas centro e sur da provincia, posto que hai grandes placas de xeo e ventisca, o que dificulta a circulación.