Deputación de Lugo

A Deputación admitirá o pago aprazado nas novas bases da venda de accións do CD Lugo que aprobará este venres

Imaxe deputación de lugo
- A Comisión Técnica reunida hoxe viuse obrigada a declarar deserto o concurso xa que a única oferta presentada non se axustaba nin ás bases reguladoras nin á encomenda de xestión aprobada polo Pleno municipal - Por iso, o Goberno provincial aprobará na Xunta de Goberno deste venres unhas novas bases que admitirán o pago aprazado, modalidade contemplada na normativa vixente

A Comisión Técnica encargada do proceso de enaxenación do paquete de 150.000 accións do CD Lugo propiedade de Deputación e Concello, reunida hoxe, viuse obrigada a declarar deserto o procedemento de concurso, á vista de que a única oferta presentada ao mesmo non se axustaba nin ás bases reguladoras nin á encomenda de xestión aprobada polo Pleno municipal. En concreto, incumpría a forma de pagamento.

Por iso, o Goberno provincial aprobará na Xunta de Goberno que se celebrará este venres unhas novas bases que admitirán a modalidade de pago aprazado, nos termos que contempla a lexislación vixente de aplicación neste tipo de procedementos, e que permitirán a venda do paquete de 150.000 accións, 90.000 propiedade de Deputación e 60.000 do Concello. A intención da Deputación de Lugo é continuar así coa venda de accións que suporá a saída do accionariado do clube.

A primera reunión da mesa técnica, celebrada o pasado 26 de decembro, determinou que a única oferta presentada cumpría con todos os requisitos establecidos nas bases. Malia isto, era imprescindible aclarar certos aspectos técnicos e xurídicos relativos á forma de pagamento, polo que se outorgou un prazo de dez días ao licitador e se solicitaron informes á Intervención provincial e ao Concello de Lugo.

Tendo en conta a falta de resposta por parte do licitador e que ditos informes determinaron que a forma de pagamento proposta non se axustaba nin ás bases do procedemento nin á encomenda de xestión aprobada polo Pleno municipal, a Comisión Técnica viuse na obriga legal de declarar deserta a venda do paquete conxunto de accións, cun valor de 1.500.000 euros.