Deputación de Lugo

O Pleno aproba por unanimidade esixir máis e mellores servizos ferroviarios para a provincia

Imaxe deputación de lugo
- 13 Deputados decidiron votar en contra da proposta dos socialistas de cuadriplicar os fondos que aporta a Deputación ás obras municipais co Plan de Obras e Servizos - O Pleno aprobou, co voto en contra do Partido Popular, instar aos Gobernos Central e da Xunta a impulsar medidas para garantir o dereito á vivenda digna como ben social - Aprobada, coa abstención do PP, a modificación da Relación de Postos de Traballo do persoal da Deputación, que contou co respaldo maioritario dos sindicatos

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a moción do grupo provincial socialista para esixir aos Gobernos de España e da Xunta de Galicia máis e mellores servizos ferroviarios para a provincia de Lugo. (ADXÚNTASE MOCIÓN)

O Deputado provincial, Pablo Rivera Capón, defendeu “a necesidade de reivindicar a modernización e extensión da rede ferroviaria na nosa provincia, xa que Lugo non conta cunhas infraestruturas nin cuns servizos comparables aos doutros territorios, non posúe trens e servizos competitivos, nin unha oferta comercial acorde coas necesidades dos viaxeiros”.

“Nestes últimos anos, o Ministerio de Fomento vén suprimindo diversas liñas por motivos económicos, e das que a nosa provincia sae moi mal parada. Isto provoca un efecto negativo, no que cada vez hai menos trens e menos servizos atractivos, o que produce que haxa menos usuarios”.

O Deputado explicou que Lugo é a única capital de provincia galega que quedou sen estación intermodal nos orzamentos de 2016 e que se descoñece que o Ministerio de Fomento teña feito xestión algunha para sacar adiante o seu proxecto propio, nin para traer o tren de alta velocidade, “tal como prometeu a Ministra en funcións e presumiu o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que chegou a dicir que se o Ministerio non traía o AVE a Lugo traeríao el mesmo. Unha vez mais, mentía” sentenciou o Deputado.

Rivera Capón remarcou que “os lucenses non somos cidadáns de segunda; queremos ter autovía a Santiago e a Ourense; queremos circular con seguridade pola A8; temos dereito a ter unha intermodal; queremos o ave; e o que os lucense non queremos e ir a Coruña á recibir un tratamento contra o cancro, nin tardar máis de 3 horas en ir á Ferrol desde a nosa cidade”.

Plan de Obras e Servizos
13 Deputados votaron en contra de cuadriplicar os fondos que aporta a Deputación dentro do Plan de Obras e Servizos ás obras municipais. Isto produciuse logo de que o Grupo Provincial Socialista presentase unha emenda de substitución á totalidade á moción do Partido Popular, que tan só contemplaba multiplicar por 3 os fondos provinciais. É necesario destacar que esta proposta, xa fora trasladada polo Presidente á oposición nas Xuntas de Voceiros que mantiveron para a conformación do orzamento provincial do 2016. Así mesmo, na emenda socialista, tamén se contemplaba modificar a achega que fan os Concellos neste tipo de obras, para que pasara do 50% ao 25%, agás que os municipios decidan facer máis investimentos para acometer estas actuacións. (ADXÚNTASE EMENDA)

Vivenda digna
O Pleno da Deputación aprobou, co voto en contra do Partido Popular, instar ao Goberno Central, así como á Xunta de Galicia, a impulsar medidas para garantir o dereito á vivenda digna como ben social. Santos Ramos destacou que “é moi significativo que o Partido Popular recoñeza que que é preciso un gran pacto de estado neste tema, pero que despois vote en contra. Esta é a congruencia do PP”. (ADXÚNTASE A PROPOSTA)

Protección do Galego
O Pleno acordou, grazas ao voto de calidade do Presidente, logo de que o Partido Popular votase e contra e o Deputado non adscrito decidira absterse; instar aos correspondentes órganos da Xunta de Galicia, do Goberno do Estado e do Poder Xudicial a dar os pasos necesarios para a creación dun xulgado específico de  violencia sobre a muller en Lugo; e trasladar este acordo á Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza e ao Consello Xeral do Poder Xudicial. (ADXÚNTASE A PROPOSTA)

Relación de Postos de Traballo
O Pleno da Deputación aprobou, coa abstención do Partido Popular, a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal que presta o seu servizo na Deputación. Este acordo xa foi aprobado inicialmente no mes de abril do ano pasado e foi respaldado maioritariamente polos sindicatos na mesa xeral de negociación. Con este acordo, benefícianse de xeito directo un total de 331 traballadores, dos que 112 cobran menos de 24.000 euros anuais.  Con este acordo, non se incrementa nin un só euro a partida de gastos de persoal, xa que a amortización de prazas innecesarias, fixo posible mellorar a situación dos traballadores que menos cobran.