Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo investiu case 70 millóns de euros en mellorar 1.000 quilómetros de estradas provinciais dende 2007

- Manuel Martínez destacou que o actual Goberno provincial triplicou o número de quilómetros de aglomerado existentes no 2007, a pesares do cal este é “un dos temas que emprega a oposición para a atacar a este Goberno provincial” - Estas actuacións consistiron no uso de aglomerado en quente, instalación de elementos de protección, de sinalización horizontal, vertical, e invernal nas estradas da Montaña, ou desbroces, entre outras - O esforzo inversor en infraestruturas continuará, aunmentando ata os 11 millóns en 2015, a través de plans como o de Conservación; o  POS; o PEIM, ou o Plan de Infraestruturas Veciñais, “atendendo ás peticións dos veciños”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, fixo hoxe un balance das actuacións realizadas para acondicionar a rede viaria provincial dende o ano 2007, “mellorando considerablemente o feito polo Goberno provincial do Partido Popular, que se limitaban a uns 300 quilómetros. A día de hoxe, temos incrementado noutros 1.000 quilómetros estes datos, triplicándoos e actuando, polo tanto, máis dun terzo da extensión total da rede viaria provincial”. Martínez denunciou o feito de que, a pesares destes datos, as infraestruturas sexan “un dos temas que emprega a oposición para a atacar a este Goberno provincial”.

As actuacións, levadas a cabo neses 1.000 quilómetros, teñen suposto unha inversión de preto de 70 millóns de euros, tanto na realización de obras de acondicionamento e mantemento das estradas provinciais existentes –600 km. de obras de conservación-, así como daquelas destinadas á apertura de novas vías ou á modificación dos trazados xa existentes –400 km. de obra nova-, mediante o uso de aglomerado en quente, a instalación de elementos de protección, de sinalización horizontal e vertical, e invernal no caso dos Concellos da Montaña, desbroces, elementos fundentes –o sal que se emprega no caso de xeadas-, etc.

Martínez fixo fincapé en que o mantemento dos 4.300 quilómetros de estradas provinciais luguesas, a rede máis extensa de España, nas mellores condicións posibles ao longo de todo o ano “supón para este Goberno provincial un tremendo esforzo inversor”, que está a afrontar malia difícil situación económica, que obriga aos responsables provinciais a “priorizar aquelas actuacións que a urxencia ou especial necesidade esixe, tales como emprego ou servizos de carácter máis social”.

Datos por zonas
A Deputación mantén distribuída a rede viaria provincial en 8 zonas, acadando así un servizo máis centralizado e, polo tanto, máis eficaz. En canto aos datos ofrecidos por Manuel Martínez, as actuacións do Goberno provincial en cada unha destas zonas son os seguintes:
- Na zona 1, formada polas estradas provinciais que discorren polos Concellos de Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba, acondicionáronse 100 km.
- Na zona 2, as estradas dos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova, foron 140 km.
-Na zona 3, as dos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla, 144 km.
-Na zona 4, nas dos concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela, 130 km.
-Na zona 5, as dos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna, 80 km.
-Na zona 6, as vías dos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, acondicionamos 98,5 km.
-Na zona 7, as dos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, 66,5 km. 
- Zona 8, vías dos Concellos de Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo, 87,5 km.

11 millóns en 2015
Martínez subliñou que o esforzo inversor en infraestruturas realizado polo Goberno provincial dende 2007, malia as obvias dificultades económicas, non impediu que no pasado 2014, este destinara unha partida de 9,2 millóns de euros para a mellora de vías municipais así como para a dotación de equipamentos e servizos no medio rural, que aumentará ata acadar os 11 millóns de euros neste 2015, “atendendo sempre ás peticións dos veciños da provincia”, tal e como destacou o voceiro provincial.

Estes 11 millóns de euros distribúense a través do Plan de Conservación, dotado con 5,3 millóns de euros; o Plan de Obras e Servizos, con 3  millóns de euros, “pese a que un ano máis non contemos cun só euro do Goberno central”; o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), cuxa execución garante a institución provincial, por segundo ano consecutivo, cunha achega de case 400.000 euros. Con respecto ao PEIM, Martínez destacou o feito de que a Deputación de Lugo pasara a financiar case o 11% deste programa europeo, “mentres a Xunta aporta o 2%”. A estes plan citados hai que engadir o Plan de Infraestruturas Veciñais, que contará con 2,2 millóns de euros para dotación e mellora de obras e servizos no rural.

Outros asuntos
Na Xunta de Goberno celebrada hoxe tamén se aprobou a compra de 360 toneladas de sal, por un importe de 71.600 euros, para distribuír nos 12 silos -30 toneladas por silo-, que a Deputación ten instalados nos Concellos de Cervantes, Becerreá, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, o Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Ata o momento, distribuíuse un 30% deste material de xeito selectivo en zonas nas que é habitual a presenza de xeo, para evitar na medida do posible o deterioro do firme que este material provoca.

Tamén foi aprobado un novo convenio de colaboración, neste caso coa Universidade de Santiago de Compostela, por valor de 60.000 euros, para a posta en marcha dun proxecto encamiñado á mellora dos métodos de produción do sector gandeiro.