Deputación de Lugo

A Deputación executará 69 obras nos Concellos con 3 millóns de euros do POS   

Imaxe deputación de lugo
- O Pleno Provincial deste mes aprobará a listaxe de actuacións do Plan de Obras e Servizos para 2015, financiado en preto dun 65% polo organismo provincial - Son 4 obras en estradas provincias de Cospeito, Negueira de Muñiz, Sober e Xermade, e 65 municipais en todos os Concellos, agás Trabada e Riotorto que rexeitaron sumarse - O Presidente remarcou que “garantimos a execución deste plan de obra pública nos Concellos, co que respondemos ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos, malia o financiamento cero do Goberno Central por 4º ano consecutivo,”

A Deputación executará 69 obras nos Concellos con 2.973.223 euros do POS 2015, financiados en case un 65% polo organismo provincial, que achega 1.887.903 euros mentres os municipios adican 1.085.319 euros. “Garantimos a execución deste plan de obra pública nos Concellos, co que respondemos ás peticións que nos fixeron os veciños durante a elaboración dos Orzamentos Participativos, malia o financiamento cero do Goberno Central por 4º ano consecutivo”, remarcou o Presidente. Gómez Besteiro adiantou que o Pleno Provincial deste mes, que terá lugar o 24 de febreiro, aprobará a listaxe de actuacións

O POS contempla 4 obras en estradas provinciais de Cospeito, Negueira de Muñiz, Sober e Xermade. Son a CP-1701 de Feira do Monte a Muimenta, CP-3601 de Acebo a Negueira de Muñiz, CP-5904 de Sober por Gundivós a Vilachá e CP-2204 de Momán ás Pontes. Esta última é unha das actuacións que pediron os cidadáns na xuntanza participativa do partido xudicial de Vilalba e que se comprometeu a realizar a Deputación este ano. O presuposto para estes traballos é de 961.056 euros, financiados ao 100% polo organismo provincial.

Son 65 obras municipais noutros tantos Concellos, todos os da provincia, agás Trabada e Riotorto, que non quixeron sumarse ao POS. O orzamento para estas actuacións é duns 2 millóns de euros, financiados ao 50% por Deputación e Concellos. Os criterios aplicados para o reparto dos fondos entre os municipios son os mesmos que se veñen empregando dende 2008, de xeito que todos os Concellos reciben un mínimo de 10.000 euros. Para fixar esta cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal. 

Anteriormente, o Plan de Obras e Servizos estaba financiado nun 50% polo Executivo estatal, nun 25% polas Deputacións e nun 25% polos municipios. Foi así ata 2012, cando o actual Goberno central decidiu suprimir a achega estatal a esta programación, sendo a primeira vez na historia da democracia que acontecía isto.