Deputación de Lugo

A Deputación acolle a 1ª das xornada de mergullo “Achegándonos aos mamíferos mariños”

Imaxe deputación de lugo
- Trátase dunha xornada didáctico-deportiva orientada a todos os públicos na que se tratarán temas como o estudo dos mamíferos mariños ou bautismo de mergullo - A iniciativa, completamente gratuíta e aberta a todos os públicos, terá lugar no Salón de Actos da Deputación o día 9 de xaneiro ás 16:00 horas e será a cargo do biólogo do CEMMA, José Cedeira - A conferencia, a primeira desta temática na provincia, está dirixida a promocionar entre os veciños o gran patrimonio natural da provincia

A Deputación de Lugo, en colaboración co Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo e a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA), ofrece a primeira das xornadas de mergullo “Achegándonos aos mamíferos mariños”. A conferencia, que terá lugar o día 9 de xaneiro ás 16:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, ten como finalidade incentivar o estudo da fauna mariña da provincia, centrándose especialmente nos cetáceos e no mergullo. Con esta actividade a institución provincial continúa na súa liña de promoción da riqueza natural de Lugo fomentando entre as veciñas e veciños a educación e sensibilización ambiental.

A sesión, dirixida a todos os públicos e completamente gratuíta para os participantes, será impartida polo biólogo da CEMMA, José Cedeira. No primeiro bloque, que leva o nome de  “Bioloxía dos mamíferos mariños: estudo, ameazas e conservación”, ofrecerase unha ampla visión sobre a bioloxía dos mamíferos mariños, adaptacións ao medio acuático, metodoloxías de estudo, medidas de conservación e técnicas de mergullo. O segundo dos bloques, centrarase na actividade baleeira realizada en Galicia entre os séculos XII e XX, coa proxección do vídeo “A caza da balea en Galicia”.

Bautismo de mergullo
O sábado, 10 de xaneiro, terá lugar na piscina do complexo deportivo de Frigsa, o bautismo  de mergullo. Preto de 70 nenas e nenos dos Colexios de Fingoi e Franciscanos de Lugo farán por vez primeira un mergullo, dunha duración aproximada de media hora. O principal obxectivo desta actividade é ofrecer unha sesión lúdica-didáctica na que os máis pequenos aprendan as técnicas de entrada na auga e experimenten a flotabilidade neutra.Tamén se tratarán conceptos relacionados coa seguridade no medio acuático. Todos os cativos estarán acompañados dun instrutor.