Deputación de Lugo

Besteiro envía 49 cartas a Feijóo e 8 a Rajoy coas peticións que lles fixeron os veciños nos Orzamentos Participativos

Imaxe deputación de lugo
- Cumprindo coa palabra dada aos lucenses e co acordado onte mesmo no Pleno da Deputación, o Presidente fixo chegar aos titulares da Xunta e o Goberno central os 65 investimentos e medidas concretas que lles reclaman os lucenses - “Os veciños piden e nós actuamos. Non permitiremos que as súas peticións aos Gobernos de Feijóo e Rajoy queden nun caixón; faremos un seguimento”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, enviou este mércores 49 cartas ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e 8 ao xefe do Goberno central, Mariano Rajoy, para facerlles chegar todas peticións que lles realizaron os veciños da provincia durante o proceso de elaboración dos Orzamentos Participativos do organismo provincial. Deste xeito, Gómez Besteiro cumpre coa palabra dada aos lucenses, tan só un día despois de que o Pleno, coa negativa do Partido Popular, aprobase darlles traslado a Feijóo e Rajoy dos 65 investimentos e medidas concretas demandadas polos veciños que son competencia autonómica e estatal.

Besteiro enviou unha carta por cada un dos 49 veciños que a título individual, ou ben en representación dunha asociación, demandaron iniciativas que son de responsabilidade da Xunta e do Goberno central, ou ben necesitan da imprescindible colaboración destas administracións para poder saír adiante.

“Os veciños piden e nós actuamos. Primeiro fixémolo nós na Deputación; estudamos tecnicamente toda as propostas e respondémoslles a todos os veciños, punto por punto e de xeito argumentado, se as súas demandas foron admitidas ou non, por que razón, e en que prazo se levarán adiante”, asegurou o Presidente. “De feito, xa temos en marcha os 17 primeiros proxectos froito das propostas que nos fixeron os veciños nos Orzamentos Participativos”, engadiu. “Agora tócalle á Xunta e ao Goberno central. Xa non pode mirar para outro lado. Non permitiremos que as peticións que lles fan os lucenses queden nun caixón porque faremos un seguimento”, afirmou.

As preocupacións dos lucenses
Os lucenses reclámanlle á Xunta, entre outras moitas cuestións, que dote canto antes ao Hospital de Lugo de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas; residencias públicas da terceira idade na comarca de Lugo, en Becerreá e en Mondoñedo; un plan urxente para poñer en valor o antigo Hospital Xeral; plans de impulso do Camiño de Santiago, e que declare oficial o Camiño de Inverno; que remate os corredores da Costa e de Monforte, o Plan Paradai de Lugo, e a Rolda Leste; ou que aposte economicamente polo rural adecuando a Lei de Montes á realidade galega, con redes de saneamento, potenciando a biomasa e o sector forestal, as cooperativas agrarias e gandeiras, e os produtos agroecolóxicos.
Polo que respecta ás demandas dirixidas ao Goberno de Rajoy, refírense sobre todo a infraestruturas. Os lucenses piden as autovías a Santiago e Ourense, a mellor sinalización e seguridade da A-8 ou a estación intermodal de Lugo.
Dando traslado a Xunta e Estado destas demandas “seguimos cumprindo os compromisos que adquirimos cos máis de 55.000 veciños da provincia que deron a súa opinión para elaborar os Orzamentos Participativos deste 2015, os primeiros dunha Deputación en España”, recalcou o Presidente.
Gómez Besteiro insistiu en que o alto número de peticións veciñais que recibiu a Deputación e son competencia autonómica demostran, “non só que a Xunta ten moito que facer en Lugo, senón que os lucenses xa non a identifican como unha administración que lles soluciona os seus problemas, polo que teñen que acudir a nós para desbloquear a parálise do Goberno de Núñez Feijóo”.