Deputación de Lugo

A Deputación promove a elaboración de conservas e cervexa artesá coas actividades de Terras do Miño

- A programación do Centro de Interpretación para o primeiro trimestre do ano, de participación gratuíta e con 500 prazas para persoas de todas as idades, dará comezo o vindeiro 27 de xaneiro cun obradoiro de Arte floral sostible - Outras actividades previstas son andainas nocturnas pola contorna do río Rato ou conferencias sobre coidados dos hortos - Os interesados poden inscribirse na web www.deputacionlugo.gal, na que atoparán máis información acerca de datas, horarios e lugares de celebración

O Centro de Interpretación Terras do Miño (CITM) permitirá participar a preto de 500 lucenses de todas as idades na intensa axenda de actividades prevista para o primeiro trimestre do ano, entre elas, obradoiros para a elaboración de conservas e cervexa artesá. Do 27 de xaneiro e ata o 1 de abril, as actividades están pensadas para que nelas poida tomar parte público de calquera idade.

A oferta do CITM adoita ter unha gran acollida e, de feito, xa son preto de dous milleiros de lucenses os que teñen participado nas alternativas de ocio medioambiental que propón neste Centro a Área de Medio Ambiente da Deputación. Esta elevada participación deixa patente o interese que espertan este tipo de iniciativas, que perseguen concienciar acerca da importancia de conservar a riqueza natural lucense, ao ser esta un dos factores máis destacados de xeración de riqueza para a provincia.

Calendario de actividades
As actividades previstas para os vindeiros meses son as seguintes: para os máis pequenos, as instalacións do CITM, na zona do río Rato, acollerán actividades coma a Ludoteca natural; ou obradoiros comoTaller de ciencia natural, Coñeces aos teus veciños do río Rato?, todas elas pensadas para nenos de 6 a 12 anos.

Outras das actividades están pensadas para participar en familia, como é o caso de Antroido no bosque; e outras moitas para adultos, como Andainas nocturnas para adultos: a auga da noite; numerosos obradoiros como o Obradoiro de arte floral sostible; Obradoiro de cervexa artesá e defectos da cervexa; Elaboración de conservas artesanais ou Planificación dun horto, asociación e rotación de cultivos; echarlas e conferencias como Coidado do horto, pragas, enfermidades e preparación de tratamentos fitosanitarios ecolóxicos; Aplicacións biotecnolóxicas dos fungos; A gobernanza da auga en sistemas ecolóxicos ou Xestión de residuos orgánicos: a compostaxe.

Outras das actividades terán lugar noutros puntos da provincia, como é o caso do obradoiro de Elaboración de conservas artesanais, do que se celebrarán edicións nos Concellos de Sober e Cervo.

Para obter máis información sobre datas, horarios e número de prazas dispoñibles para cada unha destas actividades, os interesados poden facelo na web www.deputacionlugo.gal.