Deputación de Lugo

Unha vintena de veciñas e veciños de Lugo Camiñan coas TIC

-A actividade, financiada nun 80% con fondos da Unión Europea a través do plan Innova-TE2, fomenta entre os maiores da provincia o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para impulsar o exercicio físico -García Porto destacou na xornada que “este iniciativa está encamiñada a favorecer a actividade física a través das novas tecnoloxías, impulsando un envellecemento activo das veciñas e veciños da provincia”-Con esta iniciativa da Fundación TIC, dependente do organismo provincial, preto de 100 lucenses aprenderon como aproveitar as novas tecnoloxías a hora de realizar exercicio físico

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañada dunha vintena de veciñas e veciños de Lugo, participou este xoves na actividade Camiña coas Tic, programa destinado aos maiores de 55 anos da provincia que fomenta o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para impulsar o exercicio físico.

Pilar García destacou “a través desta actividades buscamos impulsar a actividade física entre os maiores da provincia, co fin de conseguir un envellecemento activo das veciñas e veciños da provincia”. A Deputada valorou tamén “as novas tecnoloxías son o presente e o futuro e debemos apostar por unha formación continúa neste eido, sobre todo entre os máis maiores, nos que a fenda dixital é máis que notable”.

Camiña coas TIC é unha iniciativa coa que maiores de 55 anos da provincia utilizan aplicacións en dispositivos táctiles -un compás, un podómetro, un cardiógrafo, un contador de calorías, un buscador de rutas ou un recordatorio de beber auga- en roteiros por diferentes espazos naturais da provincia. No caso de Lugo, a actividade comezou no centro de Cestería, cunha charla informativa para explicarlle aos participantes como utilizar os dispositivos e, posteriormente, realizouse un roteiro polo paseo do río Rato.

Os veciños e o deporte
Estes obradoiros, dirixidos a fomentar o uso das novas tecnoloxías e o deporte, gozaron de grande aceptación entre as luguesas e os lugueses. Nas xornadas, que tiveron lugar nos concellos de Friol, Becerreá, Vilalba, Guitiriz, Chantada e Lugo, participaron preto de 100 persoas, o que demostra o interese das veciñas e veciños da provincia por este tipo de iniciativas. Con esta programación búscase conseguir un envellecemento saudable da poboación, aumentando a calidade de vida dos lucenses ao tempo que se fomenta o uso dos novos dispositivos móbiles entre os maiores da provincia.